As praias de Ancoradouro e Mourisca, na zona de Cabo Udra, foron o obxectivo da limpeza organizada o venres pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza(ADEGA). O grupo de persoas voluntarias que participaron na actividade recolleron un total de 37quilos, sen ter en conta a mostra de microplásticos.
A actividade, que estivo coordinada por Rubén Pita e estendeuse durante toda a tarde do venres, contou coa participación de doce persoas. Á vez que se fixo a recollida de lixo, tamén se realizou unha mostra de microplásticos cuxos resultados se coñecerán proximamente e que indicará a cantidade de partículas de plástico aproximadas que se poden atopar en ambos areais. Desde a organización destacan tamén a gran cantidade de cabichas recollidas.
Desde ADEGA sinalan que o principal obxectivo destas iniciativas, que se realizaron de xeito simultáneo en varios areais galegos, é a concienciación. Recordan que cada ano dez millóns de toneladas de lixo rematan nos océanos e unha gran cantidade procede dos fogares.