O Concello dá continuidade este mes ás Xornadas de Convivencia e programa actuacións de bailes para persoas maioresasí como un magosto. Os bailes celebraranse os vindeiros domingos entre as 19.00 e as 21.00 horas no Centro Social o Mar.Precisamente, alí tivo lugar a presentación do programa coa participación do edil de Cultura, Xosé Leal; a concelleira de Benestar Social, Ana Isabel Otero; o alcalde, Félix Juncal e José Cabanelas e Israel Otero, da directiva do Club de Pensionistas e Xubilados Vila de Bueu, que colabora co evento.
Os bailes comezarán este domingo 16 coa actuación de Dúo Latino e continuarán o 23 con Amistad, o día 30 con Distrito 7 e o 6 de novembro con La Rosa. Ademais, tamén está previsto organizar un magosto arredor da festividade de San Martiño.
Estas actividades perseguen ofrecer alternativas de lecer e de hábitos saudables para a poboación da terceira idade. En ocasións anteriores xa se celebraron coloquios dos obradoiros de memoria, xogos populares e actuacións musicais. “O obxectivo é fomentar políticas sociais activas para o conxunto da cidadanía”, indican desde o goberno local.