InicioCULTURAPremio á creatividade en TikTok

Premio á creatividade en TikTok

Publicado o

Achegar o galego a novas plataformas e reflexionar sobre o seu emprego. Ese é o obxectivo das xornadas “Bueu e a fala: o galego 3.0”, que remataron onte coa entrega de premios do concurso “Mergullándonos no TikTok”, que conseguiu preto de 200.000 visualizacións nesta rede social e demostrou a súa importancia para conectar coa mocidade. Nesta primeira edición resultaron gañadores os vídeos creados polas usuarias Uxvilux, Mermelada e Rodri Míguez.

Entrega de premios aos gañadores onte no Centro Social do Mar.

A gala de clausura, que se celebrou onte no Centro Social do Mar, estivo conducida pola actriz Bea Campos e puido seguirse en directo en TikTok. Alí foi onde se deu a coñecer a resolución do xurado, formado por recoñecidas creadoras de contido desta rede social, como Sara Seco, María Rúa e Malva. Algúns dos motivos que causaron a súa decisión foi a creatividade dos vídeos ou a súa técnica.

No caso de Uxvilux, a súa proposta narraba o seu día a día na vila, con alusións ao comercio local e un humor moi característico. Un humor que tamén tivo presenza no vídeo de Mermelada, onde conta as dificultades de empregar o GPS. Mentres, Rodri Míguez optou por centrarse no xénero musical, no que habitualmente crea contido, para recordar como Andrés do Barro conseguiu chegar ao número un na radio máis importante de España.

Os gañadores recibiron o denominado “Kit Tik Toker”, cun aro de luz, unha cámara Instax e un vale de compra nos establecementos de Comercio do Morrazo, ademais dun diploma. A gala despediuse coa intervención do edil de Cultura, Xosé Leal, que reivindicou a importancia de TikTok para chegar á mocidade.

Experiencia nas redes

As xornadas incluíron durante tres días actividades que xiraron arredor do emprego do galego. O venres abriuse cun coloquio de Marcos Maceira, que falou do audiovisual galego desde a perspectiva da Mesa pola Normalización Lingüística e rematou cunha mesa redonda sobre as experiencias na rede de Xornal de Bueu, Orgullo Galego e GZ Música.

O sábado a programación centrouse no mundo dos videoxogos, cunha exposición e un coloquio dos responsables do Museo do Videoxogo. Tamén se celebrou unha mesa redonda sobre o galego nos videoxogos e un obradoiro do videoxogo galego Avoo.

ÚLTIMAS

O BNG demandará no Parlamento galego que a Xunta “se faga cargo” da renovación de Pazos Fontenla

A líder do Bloque, Ana Pontón, visitou onte Bueu para coñecer a situación das...

Cela recupera a Festa da Xuventude

A Asociación Xuventude de Cela vén de presentarse publicamente na súa vontade de recuperar...

Unha alfombra floral para reivindicar a paz

Bueu sumouse este Domingo de Ramos á petición global de paz lanzada por Infioritalia....

Meiro prepara o Encontro do Millo Corvo cunha programación “moi diversa”

Meiro acollerá do 14 ao 16 de abril a súa festa gastronómica por excelencia,...