A Mancomunidade de Concellos do Morrazo vén de comezar esta semana unha campaña de mellora e ampliación do servizo de recollida porta a porta de papel e cartón comercial. O obxectivo é reducir a problemática relacionada coa presenza de cartón e papel na contorna dos colectores azuis, o que dificulta a eficacia dos servizos de limpeza.
Este servizo está dirixido ao comercio e outras actividades do sector servizos, como hostalaría, restauración ou froitarías, produtoras dunha gran cantidade de cartón. Actualmente, segundo os datos do ente supramunicipal, hai un total de 72 establecementos adheridos, dos cales 27 están en Bueu.
Con esta acción procurase mellorar a limpeza das rúas así como renovar a imaxe das zonas comerciais, evitando que estes residuos interfiran nos fluxos de recollida de papel e cartón. Búscase tamén sortear a saturación dos contedores azuis destinados ao uso da cidadanía. Desde a Mancomunidade destacan que tamén se conseguirá un aforro de enerxía, emisións e materias primas, logrando unha reciclaxe de calidade. O ano pasado, por exemplo, recolléronse un total de 83,5 toneladas.
Para adherirse ao programa é necesario contactar no teléfono 900725425 ou no enderezo info@mancomunidadedomorrazo.gal. A recollida será os luns e os xoves de 17.00 a 18.00 horas en Bueu, os martes e venres en Cangas e os mércores e sábados en Moaña. O material deberá entregarse limpo, pregado e o máis organizado posible diante do establecemento, sen obstaculizar a vía pública.