Fontes, lavadoiros, muíños, lagos…A auga dos ríos da vila tivo infinidade de usos ao longo da historia. Descubrilos á veciñanza e poñelos en valor é o obxectivo dunha das derradeiras actividades difundidas pola Asociación por Beluso (Asbel). Da man do veciño Manuel Otero, os participantes puideron descubrir o pasado sábado a historia do río Nocedo así como os usos que os antepasados facían da auga.
A ruta, que partiu do pavillón de Beluso e contou coa participación de arredor de 20 persoas, fixo a súa primeira parada no lavadoiro de Ouril, para exemplificar o significado destes lugares. Ademais de servir para a hixiene do fogar, ata fai 40 anos foron tamén un importante punto de encontro e socialización.
Tal e como relata Otero, o segundo punto no que se detiveron foi na contorna da capela de Sanamedio. Alí narrou, baixo o exemplo da Fonte do Santo, o emprego relixioso da auga, pois eran moitos os que lle atribuían propiedades curativas sobre o aparato dixestivo. “Antigamente a auga desa fonte non só se empregaba para as persoas, senón tamén para os animais do fogar, como vacas ou ovellas”, explica.
O camiño proseguiu ata o nacemento do río Nocedo, pasando a zona de Forqueiros e coñecendo espazos como a Fonte dos Ladróns. Foi nese punto cando se empezou a albiscar o relevo dos antigos lagos , como o de Castiñeiras ou o do Ouro, que existían ao paso do río e que conformaban unha rede perfectamente estruturada. “Estaban estratexicamente situados, así como as súas canles”, explica Otero.
Para completar esta ruta pola cultura da auga, os participantes puideron coñecer a historia dos muíños do río Nocedo, os únicos que se poden atopar en Beluso. Aínda que chegou a haber sete, o grupo centrouse en coñecer o muíño de Avical pola súa beleza a nivel arquitectónico. “Tamén foron outro punto de encontro, onde se cantaba e se contaban historias”, sinala.
Para finalizar a ruta, que durou máis de catro horas, os participantes chegaron á desembocadura do Nocedo, en Reventóns, e seguiron o camiño do río Lixo, onde tamén puideron observar o relevo de lagos. Ademais de coñecer o emprego histórico da auga, a actividade perseguiu a súa posta en valor así como a sensibilización da sociedade.