InicioPOLÍTICAAbre o prazo de licitación para o axardinamento da contorna da igrexa...

Abre o prazo de licitación para o axardinamento da contorna da igrexa de San Martiño

Publicado o

O Concello vén de abrir o prazo de licitación para as obras de axardinamento da contorna da igrexa de San Martiño, no espazo do antigo cemiterio. O orzamento de licitación para a obra, que contará co apoio financeiro da Deputación a través do Plan Concellos 2021, ascende a 135.531,29 euros e as empresas interesadas teñen ata o 17 de outubro para presentar as súas ofertas.

O espazo do antigo cemiterio atópase actualmente en estado de abandono e sen ningún aproveitamento. Tal e como indican desde o goberno local, con esta actuación pretenden poñelo en valor cunha solución integral e transformadora. Contémplase a construción dun muro de contención na zona próxima ao vial do Valado así como unhas escaleiras que permitirán dispoñer de dous lugares de miradoiro a distintos niveis. Ademais, tamén se manterá o panteón e as árbores actuais, creando un miradoiro ao norte na zona do muro perimetral.

Contorna da igrexa de San Martiño, onde se realizará o axardinamento. Imaxe: Concello.

Por outra banda, esta actuación tamén ofrecerá unha solución ao desnivel entre a parcela e o atrio da igrexa cun muro banco, así como o trazado de sendeiros perimetrais con acabado en xabre. Pola súa parte, o sendeiro central e a zona do miradoiro serán pavimentados en pedra, con pendentes que se adaptarán á topografía do terreo.

Como remate colocaranse seis bancos, tres na zona do miradoiro e tres no sendeiro interior da zona axardinada. Tamén se contempla executar as instalacións de saneamento, alumeado, recollida de pluviais e rego. “O Concello pretende seguir actuando nos espazos verdes para ofrecer alternativas de lecer á cidadanía“, indican desde o goberno local.

ÚLTIMAS

Beluso acolle a segunda edición do Trail do Nocedo con récord de participación

O pavillón de Beluso acolleu esta mañá a presentación da segunda edición do Trail...

Denuncian o recheo de cemento de 80 metros cadrados da praia da Banda do Río nas obras de Portos

A asociación ecoloxista de Bueu Anduxía vén de expresar o seu "malestar e sorpresa"...

Continúan as reivindicacións pola falta de pediatras e o Sergas anuncia a colaboración “voluntaria” de seis especialistas

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés informou de que reorganizaron a cobertura das...

O PP cuestiona que o goberno “escurra o vulto e non arranxe” os problemas do pavillón de Bueu

"Unha mostra máis da decadencia e da falta de interese do BNG e de...