O Concello vén de abrir o prazo de licitación para as obras de axardinamento da contorna da igrexa de San Martiño, no espazo do antigo cemiterio. O orzamento de licitación para a obra, que contará co apoio financeiro da Deputación a través do Plan Concellos 2021, ascende a 135.531,29 euros e as empresas interesadas teñen ata o 17 de outubro para presentar as súas ofertas.
O espazo do antigo cemiterio atópase actualmente en estado de abandono e sen ningún aproveitamento. Tal e como indican desde o goberno local, con esta actuación pretenden poñelo en valor cunha solución integral e transformadora. Contémplase a construción dun muro de contención na zona próxima ao vial do Valado así como unhas escaleiras que permitirán dispoñer de dous lugares de miradoiro a distintos niveis. Ademais, tamén se manterá o panteón e as árbores actuais, creando un miradoiro ao norte na zona do muro perimetral.
Por outra banda, esta actuación tamén ofrecerá unha solución ao desnivel entre a parcela e o atrio da igrexa cun muro banco, así como o trazado de sendeiros perimetrais con acabado en xabre. Pola súa parte, o sendeiro central e a zona do miradoiro serán pavimentados en pedra, con pendentes que se adaptarán á topografía do terreo.
Como remate colocaranse seis bancos, tres na zona do miradoiro e tres no sendeiro interior da zona axardinada. Tamén se contempla executar as instalacións de saneamento, alumeado, recollida de pluviais e rego. “O Concello pretende seguir actuando nos espazos verdes para ofrecer alternativas de lecer á cidadanía“, indican desde o goberno local.