InicioSOCIEDADEDous enfermeiros realizan un mapeo para mellorar a saúde na vila

Dous enfermeiros realizan un mapeo para mellorar a saúde na vila

Publicado o

Coñecer a poboación, as súas patoloxías e o que a contorna da vila ofrece para melloralas. Este é o obxectivo do mapeo levado a cabo por dous residentes de Enfermaría Familiar e Comunitaria do Centro de Saúde de Bueu, Lola González e Benito Durán. Neste caso, durante a realización das entrevistas diagnosticouse unha problemática co consumo de drogas, polo que o propósito final deste primeiro mapeo enfocouse á súa prevención.

Os enfermeiros Lola González e Benito Durán no centro de saúde bueués.

“O mapeo deunos un diagnóstico de saúde que foi o consumo de drogas, pero en si é máis amplo. Vemos os activos de saúde máis próximos para intentar reducir ese consumo, pero pódese aumentar a unha escala máis grande con todas as patoloxías”, explica Durán. Pero, como se realiza un mapeo? O primeiro paso que executaron foi unha recompilación de datos estatísticos para coñecer a poboación. Detectaron así o envellecemento e a alta esperanza de vida dos bueueses, ademais de poñer o foco nas condicións económicas, o tipo de vivenda, os servizos sanitarios da zona ou o emprego das tecnoloxías.

“A partir de aí buscamos que activos hai en cada barrio, é dicir, que zonas ou elementos do municipio serven para proporcionar unha mellora da calidade aos habitantes, relatan. Estes espazos correspóndense con parques, instalacións deportivas, espazos naturais e centros sanitarios, educativos ou culturais. “Hai moitos recursos naturais para a calidade de vida, así como espazos para a actividade física”, apunta Durán.

A seguinte tarefa foi a realización de entrevistas a un número de persoas aleatorias para coñecer hábitos saudables, vantaxes ou inconvenientes de vivir na vila, así como melloras para cada rango de idade. “Observamos que hai unha serie de melloras como priorizar as comunicacións entre as parroquias, a creación de espazos para a conciliación familiar durante todo o ano ou a descentralización dos servizos”, indican os enfermeiros.

Precisamente, foi durante as entrevistas cando se detectou a problemática co consumo de drogas. “O mapeo consiste en ver os activos e buscar unha solución para á xente, neste caso nós mesmos podemos actuar”, confirma Durán. Así, propoñen o fomento da prevención en escolas e institutos.

Esta ferramenta, que foi realizada xunto a traballadoras sociais e máis enfermeiros e médicos, ten continuidade a longo prazo, pois o obxectivo é que ano tras ano se repita para ver se os problemas se solucionaron ou afloraron outros novos.

A importancia da prevención en Atención Primaria

Neste eido, o enfermeiro tamén ofrece unha reflexión sobre o funcionamento do servizo de Atención Primaria. “Sempre se di que a Primaria é prevención, pero a realidade é que somos moi poucos profesionais, con poucos recursos e moitos pacientes“, explica Durán.

Precisamente, os especialistas en Enfermaría Familiar e Comunitaria considéranse unha “boa ferramenta” para elevar a calidade da Atención Primaria con especial atención na prevención e promoción da saúde, como demostra o mapeo realizado este ano.

“Non sei porque desde a xerencia de Pontevedra non se impulsa o crecemento desta especialidade, cada ano saen residentes formados na mesma provincia, pero teñen que marchar a outras con ofertas de traballo mellores”, reflexiona Durán. Así, incide de novo na importancia da prevención das enfermidades que máis prevalecen. “Co seu control reduciremos o número de hospitalizacións e de consultas hospitalarias xa que serían resoltas no primeiro nivel”, conclúe.

ÚLTIMAS

O BNG demandará no Parlamento galego que a Xunta “se faga cargo” da renovación de Pazos Fontenla

A líder do Bloque, Ana Pontón, visitou onte Bueu para coñecer a situación das...

Cela recupera a Festa da Xuventude

A Asociación Xuventude de Cela vén de presentarse publicamente na súa vontade de recuperar...

Unha alfombra floral para reivindicar a paz

Bueu sumouse este Domingo de Ramos á petición global de paz lanzada por Infioritalia....

Meiro prepara o Encontro do Millo Corvo cunha programación “moi diversa”

Meiro acollerá do 14 ao 16 de abril a súa festa gastronómica por excelencia,...