InicioPATRIMONIOAvanzan os traballos de demolición da antiga vivenda de Matilde Bares

Avanzan os traballos de demolición da antiga vivenda de Matilde Bares

Publicado o

Ante a tramitación do proxecto de derrubamento da antiga casa de Matilde Bares, os traballos para a súa demolición avanzan co paso dos días. Este luns, un grupo de operarios traballa xa no derrubamento da estrutura do inmoble na rúa Eduardo Vincenti. Antes disto, a semana pasada realizáronse os traballos de baleirado interior da vivenda.

Traballos realizados esta mañá no inmoble para a súa demolición.

Matilde Bares, nada en 1853, desenvolveu un importante papel a nivel educativo na vila. Na súa escola deu clase a un gran número de veciños, moitos dos cales acudían para formarse antes de emigrar. De feito, coincidindo cunha homenaxe á mestra, en 1932 colocouse unha placa na fachada na que se pode ler “los hijos de Bueu en América a Matilde Bares”.

Casa de Matilde Bares en 1917. Imaxe: Reconocer Bueu.

A antiga vivenda de Matilde Bares é actualmente de índole privado e os seus propietarios fixeron público en 2020 a intención do seu derrubamento ante o mal estado de conservación. Tras isto, abriuse un debate social que levou á recollida de firmas por parte da veciñanza e que tamén tivo protagonismo no plano político. Os grupos municipais de PSOE e PP presentaron un escrito para considerar a súa compra, e, recentemente, os populares volveron cualificar esta demolición como “unha pésima noticia” para a vila.

Con todo, a venta do inmoble non era unha opción para os actuais propietarios e, recentemente, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu un informe no que descartou protexer e conservar o inmoble, coa única excepción da placa que se sitúa na fachada. Ante isto, e debido ao seu estado actual, deuse tramitación ao derrubamento, tal e como solicitara a propiedade. Os operarios que traballan agora mesmo na súa derriba estiman que o proceso culmine en tres semanas.

ÚLTIMAS

O BNG demandará no Parlamento galego que a Xunta “se faga cargo” da renovación de Pazos Fontenla

A líder do Bloque, Ana Pontón, visitou onte Bueu para coñecer a situación das...

Cela recupera a Festa da Xuventude

A Asociación Xuventude de Cela vén de presentarse publicamente na súa vontade de recuperar...

Unha alfombra floral para reivindicar a paz

Bueu sumouse este Domingo de Ramos á petición global de paz lanzada por Infioritalia....

Meiro prepara o Encontro do Millo Corvo cunha programación “moi diversa”

Meiro acollerá do 14 ao 16 de abril a súa festa gastronómica por excelencia,...