InicioCULTURAO FICBUEU premia os filmes do CEIP do Hío e do CPI...

O FICBUEU premia os filmes do CEIP do Hío e do CPI Alcalde Xosé Pichel

Publicado o

O FICBUEU despide hoxe ao MiniFIC, a súa programación para o público máis mozo. Como peche, esta mañá tivo lugar a Gala Escolas Galegas, coa asistencia do alumnado dos centros educativos que participaron cos seus filmes na Sección Escolas. Nesta edición, os gañadores foron CEIP do Hío na categoría de Educación Infantil, Primaria e Especial e o CPI Alcalde Xosé Pichel no ámbito de Educación Secundaria.

“Carolina e o corvo de ás brancas” é o título da curtametraxe premiada e realizada polo CEIP do Hío. Nela nárrase a perigosa aventura que viven Carolina e os seus catro irmáns, que se converten en corvos. No filme non faltaron as referencias á contorna, como á ría de Aldán. Tal e como indicou o xurado, a historia destaca polos seus “trazos fantásticos”.

Os outros traballos presentados nesta categoría foron: “A coroa da raíña” do CEIP Plurilingüe San Marcos de Abegondo, “Mergullo nas rías” do CEIP do Carballal de Marín, “Oso atrapabolboretas” do CEIP Plurilingüe A Pedra de Bueu e “Salvar a carballeira do CRA Amencer de San Paio.

No caso de Educación Secundaria, a peza gañadora foi “Que van dicir de nós” do CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco. Nesta curtametraxe afóndase nunha historia de amor entre dúas rapazas así como as dificultades que afrontan. A súa naturalidade e a ausencia de estereotipos, precisamente, motivaron a elección por parte do xurado.

As outras curtametraxes que competiron en Secundaria foron: “Cores” do IES As Barxas de Moaña, “Migrando” do IES Praia Barraña de Boiro, “Non tes prezo” do CPI Eusebio Lorenzo Baleirón de A Coruña e “Psicología semanal” do IES Terra de Trasancos de Narón.

A Gala Escolas Galegas estivo conducida pola actriz Bea Campos e contou coa presenza de membros do xurado da Sección Escolas, así como da coordinadora do MiniFIC, María Rey e do presidente da Fundación Novas, Jesús Portela.

O acto, que tamén se puido seguir en directo, estivo ambientado con música e acolleu a visualización de todas as curtametraxes candidatas. As actividades teñen previsto continuar esta tarde cun obradoiro de storyboard, un concerto de Brais das Hortas e a proxección da Sección Curtas en Familia.

ÚLTIMAS

O BNG demandará no Parlamento galego que a Xunta “se faga cargo” da renovación de Pazos Fontenla

A líder do Bloque, Ana Pontón, visitou onte Bueu para coñecer a situación das...

Cela recupera a Festa da Xuventude

A Asociación Xuventude de Cela vén de presentarse publicamente na súa vontade de recuperar...

Unha alfombra floral para reivindicar a paz

Bueu sumouse este Domingo de Ramos á petición global de paz lanzada por Infioritalia....

Meiro prepara o Encontro do Millo Corvo cunha programación “moi diversa”

Meiro acollerá do 14 ao 16 de abril a súa festa gastronómica por excelencia,...