InicioSOCIEDADE23 de febreiro e 11 de novembro, festivos locais no 2023

23 de febreiro e 11 de novembro, festivos locais no 2023

Publicado o

O pleno aprobou na derradeira sesión os festivos locais para o vindeiro ano, que serán o día de San Martiño, o 11 de novembro, e o Día de Rosalía, o 23 de febreiro. Tradicionalmente, o festivo local era o día da Virxe do Carme, pero en 2023 coincide en domingo e houbo que buscar outra data, optando así polo día que homenaxea á poeta Rosalía de Castro, coincidindo co seu nacemento.

A proposta municipal logrou aprobarse cos votos a favor do BNG e de PSOE, mentres que o PP e ACB decidiron absterse. O voceiro do BNG, Xosé Leal, explicou que consideraron “atinado” elixir o 23 de febreiro pola importancia da escritora galega. O outro dos factores é que coincide tralos festivos de Entroido, xusto despois do Mércores de Cinza, prolongando ese período vacacional.

Un instante do pleno de setembro.

A voceira do PP, Elena Estévez, indicou que o grupo ía absterse “por que non se deu opción a participar, foi unha proposta pechada“. Pola súa parte, ACB tamén se abstivo tras considerar que “os festivos locais non deberían ser en días de santos, hai datas máis sinaladas”.

Manuel Barreiro, novo edil do PSOE

Na sesión plenaria do luns tamén tivo lugar a toma de posesión do novo concelleiro do PSOE, Manuel Barreiro Regueira. O bueués acudiu como número 3 da candidatura para as eleccións municipais de 2019 e agora substitúe a María Elisa Dios, trala súa dimisión. Barreiro asegurou que “traballará para facelo ben”.

Transferencia de crédito de 42.500 euros para a pavimentación dun camiño en Beluso

O outro dos puntos tratado na sesión foi a transferencia de crédito de 42.500 euros que nos orzamentos municipais aparecían destinados á Sala do Bueu Romano, que se construirá en Pescadoira. O goberno local propuxo a modificación de partida para destinar a cantidade á pavimentación dun camiño entre Montemogos e Area de Bon, que se realizará a través da Agader.

O voceiro do BNG, Xosé Leal, avanzou que este cambio non afectará á Sala do Bueu Romano. “A parte destinada a este proxecto vaise facer a través dun remanente do Plan Concellos”, apuntou. Desde o PP, Elena Estévez cuestionou esta variación. “As dúas obras son fundamentais, pero dá a impresión de que se desviste a un santo para vestir a outro, estamos poñendo en risco as dúas e hai que ser máis rigorosos”, argumentou.

Ante isto, o nacionalista Xosé Leal afirmou que “hai previsión de ter outro crédito dispoñible para a sala” e recordou que este proxecto “aínda está pendente de autorización de Patrimonio”. No mesmo sentido manifestouse o voceiro de ACB, Julio Villanueva. O voceiro do PSOE, José Manuel Vilas, indiciou “que non debería ser un movemento habitual”. Así, a proposta foi finalmente aprobada cos votos a favor do goberno local (BNG e ACB) e as abstencións de PP e PSOE.

ÚLTIMAS

O BNG demandará no Parlamento galego que a Xunta “se faga cargo” da renovación de Pazos Fontenla

A líder do Bloque, Ana Pontón, visitou onte Bueu para coñecer a situación das...

Cela recupera a Festa da Xuventude

A Asociación Xuventude de Cela vén de presentarse publicamente na súa vontade de recuperar...

Unha alfombra floral para reivindicar a paz

Bueu sumouse este Domingo de Ramos á petición global de paz lanzada por Infioritalia....

Meiro prepara o Encontro do Millo Corvo cunha programación “moi diversa”

Meiro acollerá do 14 ao 16 de abril a súa festa gastronómica por excelencia,...