InicioSUCESOSVeciñanza de As Meáns traslada ao pleno as protestas polo mozo delitivo

Veciñanza de As Meáns traslada ao pleno as protestas polo mozo delitivo

Publicado o

“Inseguros e en busca dunha solución”. Así é como se sente a veciñanza de As Meáns ante a presenza dun mozo delitivo que xa foi arrestado a finais de agosto, pero posto en liberdade tras declarar no xulgado de Marín. Precisamente, este feito, sumado ás ameazas e roubos, é o que motiva á veciñanza a continuar protestando. Onte mesmo, acudiron á sesión plenaria para trasladar as súas demandas.

Foi ao remate da sesión cando a veciñanza tomou a palabra, despois de que o voceiro do PSOE, José Manuel Vilas, levara esta situación á quenda de rogos e preguntas. Vilas preguntou polas medidas que se estaban tomando desde o goberno local. O alcalde en funcións, Julio Villanueva, indicou que “o Concello non ten competencias nese ámbito, ten que ser un xuíz o encargado da detención”.

Villanueva explicou que a Policía Local mantén unha continua colaboración coa Garda Civil e recordou que dos 13 partes recollidos, tan só seis deles foron tramitados como denuncia e remitidos ás autoridades xudiciais. Nesta liña, Villanueva animou á veciñanza a denunciar e apuntou a que “desde a primeira manifestación e a detención, á Policía Local non lle consta ningún delito máis”.

Porén, a resposta non foi aprobada pola veciñanza, que comezou a intervir por quendas para expoñer a situación. Os afectados sinalaron que moitos “tiveron que marchar das súas casas” pola inseguridade que sentían ante as ameazas os roubos e algúns deles apuntaban a que os Servizos Sociais pagaban o aluguer no que reside o mozo delituoso.

Foi entón cando interveu a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Ana Isabel Otero, para desmentir este feito. “O Concello nunca pagou un euro, nin axudas nin aluguer, viñeron derivados pola Xunta de Galicia, que despois lle quitou o aluguer por queixas da veciñanza”, explicou á vez que reafirmou que “non podemos botar a ninguén fóra, non é a nosa competencia”.

A veciñanza tamén asegurou sentirse “soa” e “botar en falta” a presenza da corporación durante as protestas. Pedían tamén respaldo e asesoramento do goberno para “saber onde nos temos que dirixir” e un aumento da vixilancia mentres o mozo continúa en liberdade.

“Estamos igual de preocupados, pero non temos esa capacidade, pedímosvos que denunciedes”, expresou o voceiro do BNG, Xosé Leal. “Cando se solicitou o noso apoio para calquera cuestión, alí estivemos, e agora pedides que o botemos fóra, dicímosvos a verdade, nós non podemos porque non temos esa capacidade”, concluíu.

ÚLTIMAS

Beluso acolle a segunda edición do Trail do Nocedo con récord de participación

O pavillón de Beluso acolleu esta mañá a presentación da segunda edición do Trail...

Denuncian o recheo de cemento de 80 metros cadrados da praia da Banda do Río nas obras de Portos

A asociación ecoloxista de Bueu Anduxía vén de expresar o seu "malestar e sorpresa"...

Continúan as reivindicacións pola falta de pediatras e o Sergas anuncia a colaboración “voluntaria” de seis especialistas

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés informou de que reorganizaron a cobertura das...

O PP cuestiona que o goberno “escurra o vulto e non arranxe” os problemas do pavillón de Bueu

"Unha mostra máis da decadencia e da falta de interese do BNG e de...