As proxeccións da Sección Oficial comezan esta tarde
O cinema será o protagonista dos vindeiros catorce días na vila, da man dunha nova edición do Festival Internacional de Cinema de Bueu (FICBUEU), que onte celebrou o seu acto inaugural. Foi, como xa vén sendo habitual nos últimos anos, coa proxección das curtametraxes realizadas desde a Área Social do FICBUEU. Nesta ocasión, os filmes foron realizados coa asociacións Érguete Vigo e Juan XXIII de Cangas, co obxectivo de empregar o cinema como ferramenta educativa e de cohesión social.
A apertura do festival tivo lugar ás 19.00 horas no Centro Social do Mar e comezou coa intervención dun dos seus directores, Manuel Pena, que destacou o programa e agradeceu tanto ás institucións que apoian o festival como aos autores e autoras das curtas e ao persoal dos centros.
“Sabría que vendrías” foi a primeira das curtas proxectadas, realizada coas persoas usuarias de Érguete. Esta ficción, protagonizada polas actrices Arantxa Treus e Rocío Romero, narra a historia dunha muller que volve a súa cidade natal tras un período afastada, amosando os seus sentimentos.
A segunda das cintas, “A fin do osíxeno”, foi a realizada coa Asociación Juan XXIII de Cangas e está ambientada no coñecido como Bosque Encantado de Aldán. Unha parella de xornalistas terán que percorrelo para atopar a dúas científicas que queren rematar co osíxeno do mundo. Nesta curta participaron as actrices Mónica Camaño, Anabel Budiño, Xe Rial e Lois Soaxe.
Ao remate de cada proxección, os usuarios e usuarias dos centros puideron contar a súa experiencia ao participar na realización da curta. No caso da equipa do Juan XXIII, que estiveron acompañados pola directora do FICBUEU, Nerea Lores, sinalaron que estiveron “encantados de participar no proxecto para ensinar o que son capaces de facer as persoas con discapacidade cos medios axeitados”.
Pola súa parte, desde Érguete, da man da tamén directora do festival, María Ruiz, resaltaron que “a idea e o proceso é un traballo realizado polos usuarios e usuarias”. Antes do remate, as participantes responderon ás preguntas do público e narraron como foi a coordinación para facer posible os filmes.
O acto inaugural contou coa presenza de representantes das asociacións e das institucións que apoian e patrocinan o festival. Alí estivo a deputada de Cultura da Deputación de Pontevedra, Victoria Alonso e concelleiros e concelleiras do goberno local e da corporación bueuesa.
Sección Oficial e Retrospectiva
O festival continúa hoxe co comezo das proxeccións da Sección Retrospectiva (ás 17.00 horas) e da Sección Oficial, con dous pases ás 19.00 e 21.00 horas. Serán no Centro Social do Mar e ás 20.30 horas está programado un coloquio cos directores e directoras no Punto de Encontro.