InicioCULTURAGuía para o FICBUEU: un percorrido pola súa programación

Guía para o FICBUEU: un percorrido pola súa programación

Publicado o

A finais desta semana, Bueu converterase na capital galega do cinema durante catorce días da man do Festival Internacional de Cinema de Bueu(FICBUEU). A súa ampla programación e a aposta polas actividades paralelas fan desta cita unha oportunidade perfecta para despedirse do verán. A continuación poderás descubrir algunhas das actividades máis destacadas da súa programación.

1. Acto inaugural

O FICBUEU subirá o pano este domingo cun acto inaugural no Centro Social do Mar e no que se proxectarán as curtametraxes realizadas xunto aos usuarios e usuarias da Asociación Juan XXIII de Cangas e da Asociación Érguete de Vigo. A entrada é de balde, con retirada de invitación previa no despacho de billetes.

2. Proxeccións de Chile, Nixeria ou Singapur

Esta edición contará coa proxección de máis de cen filmes. Na Sección Oficial destaca a calidade e as producións con orixe en diversos países, como, por exemplo, Paquistán, Canadá, Grecia, Brasil ou Romanía. O horario das proxeccións é o seguinte:

  • Sección Oficial: do luns 12 ao venres 16 ás 19.00 e 21.00 horas.
  • Sección Retrospectiva:do luns 12 ao xoves 15 ás 17.00 horas.
  • Sección Descubertas:venres 16 ás 17.00 horas.
  • Sección España:o sábado 17 ás 17.00 horas.
  • Sección Galicia R:o sábado 17 ás 19.00 horas.

Na seguinte imaxe poderás atopar algunhas das curtametraxes que se proxectarán na Sección Oficial.

3. Premio a Miguel de Lira

Cunha ampla experiencia e traxectoria no teatro, no cinema e na televisión, Miguel de Lira é o elixido para recibir o Premio Cinema Galego deste ano. Ademais da súa carreira, a organización destaca o compromiso do actor coa cultura e a sociedade galega. O xornalista Gaspar Broullón será o encargado de entrevistar a Miguel de Lira nun formato que estará dispoñible no Canle FICBUEU.

Miguel de Lira

4. MiniFIC para a rapazada

O FICBUEU contará cunha programación especial para o público máis mozo. Arrancará o luns 19 coa proxección da Sección Escolas Internacionais e de Escolas de Imaxe e Son e Facultades Galegas, que rematará coa entrega de premios. Do martes 20 ao xoves 22 seguirá coas proxeccións para os centros de ensino e rematará o venres 23 coa Gala Escolas Galegas, un obradoiro de storyboard, un concerto de Brais das Hortas e a Sección Curtas en familia.

5. Ruta das Tapas 5 Estrelas

Os amantes da gastronomía non poderán perderse a sétima Ruta das Tapas, que se celebra do 9 ao 18 desetembro e no que diversos establecementos presentarán un petisco inspirado no cinema.Este ano participan: A Cepa, Buena Vibra, Casa Quintela, Casa Videira, Esmorga, Morriña, Noite Tapas, O Farol, O Ratiño Pequeno, Pyramis, Secretos del Mar e Volver.

Unha elaboración da Ruta das Tapas 5 Estrelas. Imaxe: FICBUEU.

6. Coloquios con cineastas

O festival ofrece a oportunidade única de asistir a coloquios coas directoras e directores das curtametraxes internacionais, así como dos cineastas nacionais. Estes encontros permiten ao público reflexionar cos autores sobre as curtametraxes proxectadas.

Un dos coloquios da última edición do FICBUEU. Imaxe: FICBUEU.

7. Música e programas de radio

A música tamén estará presente no festival co concerto de clausura de Tulsa, unha cantante vasca que comezou o seu percorrido musical a finais dos 90.

Outra das actividades paralelas será a gravación do primeiro programa da tempada de Carne Cruda, con entrevistas aos convidados do festival e que versará sobre cinema. O ámbito radiofónico complétase coa realización de Espazo Negativo, que dedicará dous programas ao festival.

8. Entrega de premios

O sábado 17 vivirase unha das xornadas de máis nervios coa entrega de premios. Neste acto daranse a coñecer os premiados de cada categoría coa presenza de autoras e autores e membros do xurado.

9. Xornadas Cinematográficas

O FICBUEU pecharase o 24 de setembro cunha das principais novidades da edición, as Xornadas Cinematográficas: esculpindo tempo.Este espazo para a reflexión sobre a arte do cinema contará coas seguintes actividades: clase maxistral con José Manuel Mouriño, conversa sobre o tempo e o cinema con Andrea Morán e Daniela Urzola, mesa redonda sobre o ritmo e as realidades temporais da montaxe, un encontro con Oliver Laxe e a proxección de “Zerkalo”, de Andrei Tarkovski.

10. Caderno FICBUEU #3

A publicación desta edición pon o foco no primeiro centro de estudos cinematográficos fundado en España, o Instituto de Investigacións e Experiencias Cinematográficas, que posteriormente pasou a ser a Escola Oficial de Cinematografía. O caderno será presentado polo seu autor, Severiano Casalderrey, o sábado 17 ás 11.00 horas.

ÚLTIMAS

O BNG demandará no Parlamento galego que a Xunta “se faga cargo” da renovación de Pazos Fontenla

A líder do Bloque, Ana Pontón, visitou onte Bueu para coñecer a situación das...

Cela recupera a Festa da Xuventude

A Asociación Xuventude de Cela vén de presentarse publicamente na súa vontade de recuperar...

Unha alfombra floral para reivindicar a paz

Bueu sumouse este Domingo de Ramos á petición global de paz lanzada por Infioritalia....

Meiro prepara o Encontro do Millo Corvo cunha programación “moi diversa”

Meiro acollerá do 14 ao 16 de abril a súa festa gastronómica por excelencia,...