InicioPATRIMONIOO Estaleiro de Purro amplía a súa historia coa estrea da musealización

O Estaleiro de Purro amplía a súa historia coa estrea da musealización

Publicado o

Fai un século, en 1920, José del Río decidiu crear un estaleiro na Banda do Río. Nesta zona viu unha serie de condicións idóneas, como a súas comunicacións ou a proximidade á praia e ao río Bispo. Co paso do tempo, o estaleiro foi consolidando a súa actividade como carpintaría de ribeira, unha das derradeiras en activo da provincia.

Onte, máis de cen anos despois de que José del Río colocase aquelas primeiras táboas, despois de que Manolo Gónzalez “Purro” dese vida a infinidade de embarcacións, o estaleiro da Banda do Río ampliou a súa historia. Fíxoo coa estrea da súa musealización, coa que se pretende dar vida e poñer en primeiro plano a súa importancia para as orixes de Bueu.

O estaleiro de Purro comezou a escribir hoxe unha nova páxina do seu percorrido nun sentido e emotivo acto, organizado polo Concello de Bueu, que contou coa presenza do alcalde, Félix Juncal; da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; o deputado provincial Héctor Santos, concelleiras e concelleiros do goberno local e da corporación bueuesa, así como as alcaldesas de Cangas, Victoria Portas ou de Moaña, Leticia Santos. Tamén acudiron numerosos representantes do mundo da cultura e de colectivos e tamén estivoManolo Purro, o derradeiro carpinteiro de ribeira.

A arte foi unha das grandes protagonistas da tarde, en diferentes vertentes e xunto ao mar e a cultura mariñeira. O acto estivo coordinado pola poeta bueuesa Míriam Ferradáns, que deu paso a un recital poético a cargo de Lucía Novas, Xosé Daniel Costas, Susana Aríns e Anxo Angueira. Mentres os versos invadían o estaleiro, Luis Davila realizou unha obra tamén en directo, que se puido ver a través dunha pantalla. A parte cultural completouse coa actuación da cantante Sheila Patricia, que interpretou temas cunha forte vinculación co mar.

A seguinte parte do acto estivo invadida polo recordo e a posta en valor do estaleiro como cerne da cultura mariñeira da vila. Foi grazas á proxección de dous vídeos que narraron a historia do lugar e no que se incluíron declaracións de Víctor Domínguez, fundador da Asociación Os Galos e falecido o ano pasado. A súa loita pola defensa das embarcacións tradicionais e a conservación do estaleiro foi levada ao primeiro plano, á vez que causou unha gran emoción entre o público. Unha emotividade que proseguiu cando a neta de Manolo Purro subiu ao escenario para recitar un poema, coa sorpresa do seu avó ante o xesto de cariño.

“Hoxe é un día moi especial para o noso pobo, un día histórico”. Así comezou a súa intervención o alcalde, Félix Juncal. Fíxoo lembrando as orixes da vila e a vinculación do estaleiro co barrio mariñeiro da Banda do Río e a súa praia. “Transpórtanos no tempo e convídanos a lembrar para sempre de onde vimos, as nosas orixes“, destacou.

Juncal fixo un percorrido pola historia do estaleiro ata a súa musealización coa que se “atopa máis vivo ca nunca” e que comezou no 2007 coa creación dunha mesa de diálogo co obxectivo de manter en pé o estaleiro. “Froito dese traballo colectivo, o Concello asumiu o compromiso firme e decidido de garantir a súa conservación“, apuntou. Despois de lograr a autorización de Costas do Estado chegaría a primeira fase de rehabilitación, inaugurada no 2018, ata chegar á musealización actual.

O rexedor, Félix Juncal, durante a súa intervención.

Memoria ás persoas que constrúen historia

O rexedor dedicou unha parte da súa intervención a agradecer o labor de veciñanza da Banda Do Río e colectivos como a anterior asociación veciñal Santa Ifigenia ou Os Galos.

Non se esqueceu tampouco Juncal de dúas persoas claves no mantemento do estaleiro, Manolo Purro e Víctor Domínguez. Ao primeiro deles referiuse como ” a man de moitas embarcacións, mestre carpinteiro de ribeira”. Sobre Domínguez, recordou a súa loita para evitar a desaparición do estaleiro e o seu recordo como “baluarte fundamental na defensa do patrimonio que se esvaecía e que quixo legar para as xeracións do presente e do futuro”.

Tras poñer en primeiro plano a importancia dos espazos públicos “con utilidade para a cidadanía e para lembrarnos de onde vimos”, Juncal dedicou as súas últimas verbas ao papel que xoga a memoria para a construción da identidade dun pobo. “Desde hoxe, este estaleiro representa ao noso pobo, ao noso orgullo e dignidade colectiva, xa nunca máis será un espazo de división senón de encontro. O Estaleiro é xa para sempre unha lembranza do que somos”, concluíu.

O papel da Deputación de Pontevedra

Nesta recuperación, ademais do Concello de Bueu, xogou un importante papel a Deputación de Pontevedra como encargada de financiar ambas fases da recuperación, tanto a de 2018 como a de este ano. Foi a través do Plan Concellos cun investimento total de 427.247 euros. Por ese motivo, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou no seu discurso que “coa actuación buscamos que poidan volver xurdir novas historias de superación, cultura, amizade ou amor nun lugar tan marabilloso como este”.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, durante o seu discurso.

Silva puxo o foco na forte vinculación do estaleiro co “devir da poboación de Bueu” e tivo palabras de agradecemento e recordo para todas as persoas e colectivos que loitaron por facer posible “un proxecto que permitiu recuperar unha icona da memoria colectiva da vila, fonte de riqueza, cultura e traballo”. A presidenta provincial despediuse coa lectura dun poema sobre a construción de embarcacións.

Cronoloxía da súa historia

Ausencia da Asociación Veciñal da Banda do Río pola demora do concurso de ideas

No acto de inauguración tamén se rexistraron ausencias, como a da Asociación Veciñal da Banda do Río. O colectivo decidiu non estar representado no acto para mostrar o seu descontento e desconformidade ante a demora da convocatoria do concurso de ideas para a redacción dun proxecto integral de reforma do barrio.

Así, a asociación emitiu un comunicado no que tamén mostraron a súa satisfacción polo remate das obras do estaleiro. “Recupérase algo emblemático do noso barrio e que forma parte da nosa historia”, indican. Á vez, agardan que se dote de dinamismo e contido ao estaleiro e que se preveña o seu mantemento e limpeza.

Desde a Asociación Veciñal da Banda do Río lembran que no mes de marzo de 2020 o pleno aprobou por unanimidade unha moción conxunta de todos os grupos políticos e dous grupos veciñais. En novembro de 2021 o colectivo reuniuse co alcalde e vicealcalde. “Pediron desculpas polo retraso e comprometéronse, sen que ninguén llo pedise, a convocar o concurso antes do remate do ano”, apuntan.

“Sempre apostamos polo diálogo e a colaboración, pero chegados a este punto estámonos replantexándonos esta vía, o diálogo non pode ser de xordos e a colaboración debe ser mutua”, remata o comunicado. No mesmo día, o Concello abriu na web un formulario, ante a convocatoria do concurso de ideas, no que a veciñanza pode colaborar con aportacións e recoller o pensamento das persoas interesadas.

ÚLTIMAS

O BNG demandará no Parlamento galego que a Xunta “se faga cargo” da renovación de Pazos Fontenla

A líder do Bloque, Ana Pontón, visitou onte Bueu para coñecer a situación das...

Cela recupera a Festa da Xuventude

A Asociación Xuventude de Cela vén de presentarse publicamente na súa vontade de recuperar...

Unha alfombra floral para reivindicar a paz

Bueu sumouse este Domingo de Ramos á petición global de paz lanzada por Infioritalia....

Meiro prepara o Encontro do Millo Corvo cunha programación “moi diversa”

Meiro acollerá do 14 ao 16 de abril a súa festa gastronómica por excelencia,...