O cinema e as curtametraxes volverán ser os protagonistas na vila do 11 o 24 de setembro da man do Festival Internacional de Cinema de Bueu (FICBUEU), que cumpre quince anos cunha edición con importantes cambios, tal e como sinalou esta mañá o director do festival, Manuel Pena. Foi no acto de presentación, a tan só dez días do seu inicio, no que tamén estiveron presentes a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; a deputada de Cultura, Victoria Alonso; o director de Agadic, Jacobo Sutil; o alcalde, Félix Juncal e o edil de Cultura bueués, Xosé Leal.
![](https://static.wixstatic.com/media/a72ffe_fef724e0b99748ae8719c2787d34a79a~mv2.jpg/v1/fill/w_925,h_618,al_c,q_85,usm_0.66_1.00_0.01,enc_auto/a72ffe_fef724e0b99748ae8719c2787d34a79a~mv2.jpg)
O primeiro en intervir foi o director do FICBUEU, Manuel Pena, que fixo referencia á evolución do festival co paso dos anos, xa que as primeiras proxeccións tiveron lugar no 2008. “Estamos nunha fase de cambio acentuado de xeito estrutural, cunha nova imaxe e programación”, explicou. Unha das principais variacións deste ano é a duración do propio evento, que se estenderá durante catorce días.
Tal e como relatou Pena, esta edición divídese en tres bloques principais. A primeira semana correspóndese coa “columna vertebral” do FICBUEU, co certame de curtametraxes, que inclúe as proxeccións das diversas seccións (Oficial, Retrospectiva, Descubertas, España e Galicia R) e actividades paralelas como a presentación do “Caderno FICBUEU #3”, o programa de Radio Carne Cruda, o concerto de clausura e a entrega de premios.
Na segunda semana desta “festa do cinema” tomará o relevo o MiniFIC, dirixido a un público máis mozo e con sesións para os centros de ensino do Morrazo. Tamén acollerá a Gala de Escolas Galegas, un obradoiro de storyboard, o concerto de Brais das Hortas e proxeccións para as familias.
![](https://static.wixstatic.com/media/a72ffe_2ef16a68745f4eb4813e3e209e1559a4~mv2.jpg/v1/fill/w_925,h_479,al_c,q_85,usm_0.66_1.00_0.01,enc_auto/a72ffe_2ef16a68745f4eb4813e3e209e1559a4~mv2.jpg)
O FICBUEU rematará o 24 de setembro coa principal novidade desta edición, as primeiras Xornadas Cinematográficas, que este ano versarán sobre o tratamento do tempo no cinema. “É unha readaptación das actividades paralelas, agrupándoas no mesmo día e coa mesma temática”, indicou Pena, que anunciou que se creará un arquivo sobre estas análises. Nesta edición tampouco faltarán a VII Ruta das Tapas e o V Mercado da Curtametraxe.
Pola súa parte, o director de Agadic e representante da Xunta, Jacobo Sutil, asegurou que o sector audiovisual “está vivindo un dos seus mellores momentos” e sinalou que a Xunta abriu unha liña de financiamento de 7.2 millóns de euros para “axudar á recuperación do sector e abrir novas oportunidades” así como outra para o financiamento de festivais.
![](https://static.wixstatic.com/media/a72ffe_c5396ae021ad49ef9c49da5f66b018ec~mv2.jpg/v1/fill/w_925,h_646,al_c,q_85,usm_0.66_1.00_0.01,enc_auto/a72ffe_c5396ae021ad49ef9c49da5f66b018ec~mv2.jpg)
A presidenta provincial, Carmela Silva, tamén destacou a aposta do FICBUEU “pola calidade” e polas mulleres na súa dirección, aludindo a que este ano entrasen na directiva María Ruiz e Nerea Nores. Ademais, Silva puxo o foco na importancia do cinema e o esforzo de organización do evento. “Poucos festivais de cinema teñen unha programación tan longa e de tanta calidade, algo que tamén o identifica e referencia e que supón un enorme esforzo”, expresou, antes de rematar mencionando a importancia de que todas as administracións participen no financiamento.
![](https://static.wixstatic.com/media/a72ffe_6fcdd52410ce47ef9863f09ea2cf60ad~mv2.jpg/v1/fill/w_408,h_340,fp_0.50_0.50,q_90/a72ffe_6fcdd52410ce47ef9863f09ea2cf60ad~mv2.webp)
A presentación rematou coas palabras do alcalde, Félix Juncal, que destacou que o FICBUEU supón “o colofón a un verán cada vez máis intenso” e aludiu á “capacidade de sorprendernos cada ano”. Juncal tamén quixo lembrar a importancia de rede de colaboradores.