InicioCULTURAA Casa do Pombal presenta a obra artística de José Luis Barros

A Casa do Pombal presenta a obra artística de José Luis Barros

Publicado o

Do mar á arte hai menos dun paso e así o constata a exposición que se poderá visitar hoxe na Casa do Pombal, a partir das 20.00 horas. Este novo espazo para a expresión artística, situado no número 13 da rúa Caripa, acolle unha mostra do pintor e escultor bueués José Luis Barros, que dedicou toda a súa vida ao mar, tanto como mariño mercante como á pesca de baixura, a bordo dunha gamela.

A exposición, que só se poderá visitar hoxe polo seu carácter temporal, está organizada pola arquitecta bueuesa Lucía Buceta e o artista Dominic Beattie. “José Luis Barros é un artista puro e orixinal e debe ser considerado como tal”, apuntan desde a organización. A obra de Barros caracterízase polo emprego de materiais reciclados, que adoita recoller na praia así como pósteres de propaganda dunha peixería da vila dos que aproveita o seu reverso.

Obra artística de José Luis Barros.

Os cadros do artista compóñense de dúas imaxes que poden estar relacionadas ou ser aleatorias, empregando unha “misteriosa lóxica” para os emparellamentos. Desde a organización sinalan que a sensación da obra establece unha vinculación coa arte pop. “Ningunha imaxe parece máis importante que outra nin a domina”, explican. Nas súas creacións pódense atopar desde barcos, paxaros, espidos modernistas ata escenas do pobo e iconas relixiosas.

O artista bueués José Luis Barros.

A maneira de presentar as imaxes tamén é novidosa, posto que están enmarcadas con paus que forman os foguetes artificiais que anuncian as festas e que atopa polo chan. Os marcos, pola súa parte, están decorados meticulosamente con pequenas cunchas, reforzando a relación co mundo mariñeiro.

A Casa do Pombal ou “Pombal Gallery“, onde será exposta obra, é un antigo pombal convertido nun novo espazo para a arte. Un proxecto que naceu co obxectivo de reivindicar a accesibilidade da arte, así como a súa procedencia desde calquera lugar.

ÚLTIMAS

Beluso acolle a segunda edición do Trail do Nocedo con récord de participación

O pavillón de Beluso acolleu esta mañá a presentación da segunda edición do Trail...

Denuncian o recheo de cemento de 80 metros cadrados da praia da Banda do Río nas obras de Portos

A asociación ecoloxista de Bueu Anduxía vén de expresar o seu "malestar e sorpresa"...

Continúan as reivindicacións pola falta de pediatras e o Sergas anuncia a colaboración “voluntaria” de seis especialistas

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés informou de que reorganizaron a cobertura das...

O PP cuestiona que o goberno “escurra o vulto e non arranxe” os problemas do pavillón de Bueu

"Unha mostra máis da decadencia e da falta de interese do BNG e de...