A Xunta de Galicia vén de someter a información pública a Estratexia Galega de Infraestrutura Verde co obxectivo de recoller aportacións e suxestións ao documento. Precisamente, neste proxecto propóñense case 300 zonas prioritarias de restauración ecolóxica en Galicia entre as que se atopan dous lugares de Bueu, Cabo Udra e o arquipélago de Ons.
No documento, publicado baixo o nome de Estratexia galega de infraestrutura verde e da conectividade e a restauración ecolóxicas, alúdese á análise do estado de conservación das especies protexidas e dos tipos de hábitats publicada pola Comisión Europea. “Pon en evidencia que a totalidade dos hábitats de interese comunitario da rexión bioxeográfica Atlántica atópanse nun estado de conservación desfavorable“, indica o informe, antes de sinalar a existencia de áreas cun forte desequilibrio ecolóxico que precisan “urxentes medidas de xestión e restauración”.
Na Estratexia de Infraestrutura Verde identifícanse 293 puntos como áreas prioritarias de restauración ecolóxica, algunhas delas recoñecidas pola cidadanía no proceso de participación pública paralelo á elaboración da estratexia ou derivadas da análise territorial realizada por grupos de investigación.
No caso de Bueu, a Estratexia sinala Cabo Udra e o arquipélago de Ons como as dúas zonas prioritarias de restauración ecolóxica. Porén, o informe distingue diferentes tipos de actuacións en función da área.
Sobre Cabo Udra, por exemplo, apunta á necesidade de adoptar medidas específicas para reducir os efectos do uso público sobre os hábitats de especies e tamén ao emprego de medidas para o control ou mitigación de poboacións de especies exóticas. No caso de Ons, ademais das medidas anteriores, tamén se incorpora a recuperación da estrutura, composición e funcionamento dos hábitats terrestres.
Tamén se recollen outras zonas de restauración na comarca do Morrazo como a praia de Areabrava ou a Costa da Vela ou na provincia de Pontevedra como a Illa da Toxa, Cabo Silleiro ou o arquipélago de Cíes.
A Estratexia Galega da Infraestrutura Verde foi redactada para dar cumprimento ás obrigas contempladas nas estratexias europea e estatal. A Unión Europea definiu a infraestrutura verde como unha rede de zonas naturais e seminaturais, planificada de forma estratéxica, deseñada e xestionada para a prestación de servizos ecosistémicos, incorporando espazos verdes ou azuis, elementos físicos de espazos terrestres e mariños.
O proceso galego comezou no 2017 con encontros comarcais e no 2021 o borrador foi remitido ás Consellerías. Agora, no 2022, o texto resultante sométese a información pública para continuar a súa tramitación. Durante os vindeiros dous meses, a sociedade poderá facer as consideracións oportunas para conseguir recoller aportacións e suxestións a través dun formulario de participación.v