As curtametraxes volverán ser as protagonistas na vila do 11 ao 24 de setembro da man do Festival Internacional de Cinema de Bueu (FICBueu). A case un mes da súa celebración, a organización do festival vén de revelar a súa nova estrutura e os 23 filmes que competirán por levarse as prezadas Ánforas de ouro e prata.
A decimo quinta edición do FICBueu comezará o domingo 11 cun acto inaugural protagonizado pola estrea das curtametraxes realizadas coas asociacións Érguete de Vigo e Juan XXIII de Cangas, a través dos obradoiros da Área Social do festival. A partir do luns e ata o venres 16, o festival organizará as proxeccións da Sección Retrospectiva ás 17.00 horas, agás o venres que será a quenda da Sección Descubertas. Pola súa banda, a Sección Oficial terá dous pases, un ás 19.00 horas e outro ás 21.00 horas con coloquios cos directores e directoras entre ambos.
As proxeccións da Sección España serán o sábado 17 ás 17.00 horas, cun coloquio coas cineastas participantes. Ese mesmo días, ás 19 horas, dará comezo a Sección Galicia R, que tamén será seguida dun encontro cos participantes.
MiniFIC para a cativada
Durante a segunda semana, do 19 ao 23 de setembro, celebrarase o MiniFIC, a programación especial para a cativada e os centros de ensino. Durante a primeira xornada está prevista a proxección da Sección Escolas Internacionais (11.00 horas) e das curtas das Escolas de Imaxe e Son e Facultades Galegas (13.00 horas), pechándose coa correspondente entrega de premios.
Do martes ao xoves serán as proxeccións das Seccións Cativa, Infantil e Xuvenil, reservadas para centros educativos. O MiniFIC pecharase o venres 23 coa Gala de Escolas Galegas (11.30 horas), o concerto de Brais das Hortas (17.00 horas) e a proxección da Sección Curtas en Familia (18.30 horas).
Máis alá das proxeccións
Ademais das proxeccións, o FICBueu programa, como xa é habitual, diversas actividades que enriquecen o evento. O sábado 17 concéntranse un gran número delas como a presentación do “Caderno FICBUEU#3”, dedicado ás curtametraxes creadas na Escola Oficial de Cinematografía de España. O seu autor, Severiano Casalderrey, será o encargado de realizar a presentación desta última publicación.
Ese mesmo día, ás 12 horas, o equipo de Carne Cruda regresará a Bueu para realizar un programa en directo dedicado á contracultura e con presenza dalgunhas das persoas invitadas ao festival. O sábado rematará coa entrega de premios na que se darán a coñecer os gañadores das Ánforas e cun concerto de clausura a cargo da artista Tulsa, na Praza Massó.
Actividades paralelas
De forma simultánea, o público poderá gozar da VII Ruta das Tapas 5 Estrelas do 9 ao 18 de setembro, organizada en colaboración co Concello de Bueu e a Asociación de Empresas da Hostalaría de Bueu. Do mesmo xeito, tamén terá lugar o V Mercado da Curtametraxes no Museo Massó, no que profesionais da industria audiovisual poderán visionar todas as curtametraxes inscritas no festival.
I Xornadas Cinematográficas: esculpindo o tempo
O FICBueu rematará o sábado 24 cunha das súas principais novidades, a celebración dunhas xornadas cinematográficas que servirán como espazo de reflexión sobre a arte e o cinema.
A apertura da programación das xornadas será da man do cineasta e investigador José Manuel Mouriño, que impartirá unha clase maxistral sobre o tratamento do tempo nos seus filmes. A continuación será a quenda das críticas Adrea Morán e Daniela Urzola, que repasarán as obras dalgúns cineastas relevantes no tratamento do tempo.
Xa pola tarde, haberá unha mesa redonda en liña moderada pola docente Diana Ramahí na que participarán as cineastas Diana Toucedo, Ana Pfaff e Carolina Astudillo. Tras isto, terá lugar un encontro con Oliver Laxe conducido polo xornalista Ángel Suanzes e as xornadas rematarán coa proxección de “Zerkalo” de Andrei Tarkovski.