Os libros poden ter moitas vidas e así o recordan desde o Concello de Bueu, que este sábado organiza un rastro con máis de 2.000 exemplares no parque Ramal dos Galos. O motivo reside nas próximas obras de mellora da Biblioteca Torrente Ballester, que teñen previsto comezar entre mediados e finais de setembro. “Aproveitando a inminente reforma, fíxose un expurgo de libros que terán unha nova vida con este rastro”, sinala o edil de Patrimonio, Arquivo e Bibliotecas, Alberto Moital.
As persoas poderán achegarse durante todo o día, en horario ininterrompido de 11.00 a 20.00 horas e levar de balde os libros que desexen, tanto de literatura infantil como de adultos. Unha vez rematado o rastro do sábado, os fondos seguirán dispoñibles durante unha semana máis no andar inferior da biblioteca.
Ademais desta iniciativa, a concellaría xa organizou un plan de traslado dos demais fondos cunha empresa especializada e que se desenvolverá en dúas fases. Na primeira, prevista o 29 de agosto, arredor de 5.500 libros serán trasladados ao primeiro andar do Centro Social do Mar, onde funcionará de maneira provisional a biblioteca durante as obras, agás a sala de estudo, que se manterá nas dependencias habituais. Na segunda fase, que terá lugar entre o 19 e 21 de setembro, 25.000 libros serán levados a outras dependencias municipais, onde permanecerán en depósito ata o final das obras.
Diagnose dos servizos bibliotecarios
Noutra liña, o edil Alberto Moital mostra a súa satisfacción polo resultados da “Diagnose dos servizos bibliotecarios”, elaborada pola Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro da Xunta de Galicia. “Demostran que a rede de bibliotecas do Concello está funcionando ben, tanto no número de exemplares como nos espazos”, sinala Moital, que indican que cifras como a de documentos por habitante e colección infatil son superiores á media.