Vinte artigos conforman o novo número da revista “Os Galos”, editada pola asociación de mesmo nome e presentada esta mañá no Museo Massó con motivo do inicio do XXIV Encontro de Embarcacións Tradicionais. Vinte artigos nos que se inclúen poemas, ilustracións e investigacións, arredor de temas como a industria da salga e a conserveira ou as embarcacións tradicionais. Porén, a edición deste ano está marcada pola lembranza de Víctor Domínguez, presidente de Os Galos ata o seu falecemento o pasado decembro.
Ese recordo materializouse na presentación desta mañá grazas á proxección do vídeo “In memoriam Víctor”, editado pola asociación. Tralas primeiras notas de “O meu amor mariñeiro” de Fuxan Os Ventos, deu paso unha sucesión de imaxes para poñer en valor o labor de Víctor, que contribuíu a manter viva a cultura mariñeira da vila. Ademais de vídeos de navegacións, tamén se incluíron fragmentos de entrevistas e reportaxes nas que participou ao longo da súa vida. Foi unha emotiva homenaxe que rematou cun unánime aplauso de todos os asistentes.
Tras isto, tomaron a palabra os autores dos artigos alí presentes. O historiador local Arturo Sánchez Cidrás comentou o preito entre empresarios da conserva de Bueu polo plaxio nos deseños e que centra o seu artigo. Pola súa parte, o escritor Xaime Toxo falou do seu traballo “na recuperación da nenez”, esta vez cun artigo no que recorda a súa infancia en Pescadoira, xunto a Víctor Domínguez. “Medramos entre botes polbeiros, dornas, embarcacións de madeira e os homes que traballaban nelas”, engadiu Toxo.
O xornalista Francisco R. Pastoriza, que no seu texto debulla as orixes e a evolución do fútbol en Bueu, catalogou este deporte como “un fenómeno sociolóxico” a finais dos anos 20, coincidindo coa época na que o equipo xuvenil conquistou numerosos éxitos.
Na presentación, conducida pola directora da publicación, Ana Gil, tamén participaron autores como Lino Pazos, Lucía Novas, Humberto Santiago, Suso Framil, Xerardo Dasairas, Isidro Cortizo, Damián e Lidia Nieves, actual presidenta de “Os Galos”.
XXIV Encontro de Embarcacións Tradicionais
As actividades continuaban esta tarde coa navegación de benvida aos barcos participantes, que mañá sairán ao mar nunha nova homenaxe a Víctor Domínguez. Tamén está programada a actuación musical de Beatriz Martínez e Diego Langarika a bordo do “Chasula”. Pola tarde, ás 17.30 horas, haberá unha navegación pola enseada de Bueu, antes da demostración de pesca artesanal coa largada dunha rapeta, que será ás 20.30 horas na praia da Banda do Río.
De xeito paralelo, a Sala Amalia Domínguez Búa acolle a exposición “Madeiras do Mar”, de Ruth Beltrán Múñoz e que se pode visitar ata o domingo. Esta expresión artística forma parte do proxecto “Madeira Zombi”, que recupera madeiras abandonadas para dotalas dunha nova vida a través da súa conversión en pequenas obras de arte.