A natureza e as paisaxes supoñen un dos maiores atractivos da vila, tanto para visitantes como para a veciñanza. O Concello porá en marcha este verán un programa de rutas de sendeirismo co obxectivo de divulgar o patrimonio natural e cultural da vila así como o fomento de hábitos saudables. A primeira das rutas percorrerá a zona de Ermelo o 25 de xullo, coincidindo coa festividade da aldea. As seguintes citas serán o 6 de agosto, para percorrer o sendeiro de Chans, o 20 de agosto en Udra, e finalmente, o 3 de setembro será a Rutados Muíños.
Para cada ruta habilitaranse vinte prazas e as persoas interesadas deberán inscribirse previamente e de balde no formulario dispoñible na web do Concello ou a través do teléfono 986 39 00 29 (ext.5) e do correo turismo@concellodebueu.gal.
As camiñadas terán saída ás 10.00 horas da mañá e percorrerán todas as parroquias e puntos de interese do Concello, para dar a coñecer a fondo a vila. A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Silvia Carballo, destaca que “levamos moitos anos apostando por un turismo sostible e de posta en valor do noso medio”. Ademais, estas rutas contaron con moi boa acollida en anteriores edicións.
Rutas sabor e mar
A maiores destas rutas, ata mediados de setembro tamén se desenvolven as rutas “Sabor e mar”, que combinan a vertente gastronómica da vila. Cun custe de 6 euros, as camiñadas inclúen unha ruta guiada e a degustación dunha tapa mariñeira elaborada por unha cociñeira profesional.