As praias de bandeira azul da vila contan cun novo e atractivo elemento para todos aqueles que decidan achegarse a elas este verán. Uns mapas ilustrativos foron colocados nos accesos ao areais co obxectivo de identificar a contorna, a topografía do mar e da terra e servir de mapa interactivo.
A iniciativa naceu da man da cooperativa Desniveis, integrada polas arquitectas Daniela Alamparte, Ana Blanco e Marta Álvarez. Elas foron as responsables destes mapas, que ensamblan arquitectura e ilustración e que xa locen nos areais da Banda do Río, Lapamán, Portomaior, Lagos e Area de Bon.
Cada areal conta cun mapa no que se sinala a ubicación exacta e se transmite a configuración do Morrazo. “Sempre hai discusións sobre o que hai enfronte, nós quixemos axudar un pouco a esclarecer o tema”, sinalan as fundadoras de Desniveis. Precisamente, elas tamén crearon o cancelo #esteveranvivebueu, como unha frase que identifica todas as praias cun nexo común.
Na presentación deste proxecto, que tivo a súa orixe a comezos do ano, tamén estivo a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Silvia Carballo. “Cando coñecín o traballo destas tres mulleres, que teñen cadros con mapas das Illas Atlánticas e dos faros, vimos que sería interesante contar con elas para que as nosas praias gozasen dunha nova imaxe, diferente e que chamase a atención pola súa novidade”.
A concelleira apuntou que obxectivo da iniciativa pasa por “achegar os encantos dos nosos areais e espazos tanto para a veciñanza como para as persoas que nos visitan ano tras anos”,
A orixe de Desniveis, a cooperativa encargada desta iniciativa, sitúase segundo as súas integrantes na “ilusión de colaborar xuntas nun proceso creativo que, tras seis anos de carreira, materializamos neste proxecto”. Con el queren transmitir a súa fascinación por Galicia e a súa paisaxe e por iso deseñan diversas coleccións de mapas ou ilustracións nas que representan os encontros do mar coa terra.