InicioSOCIEDADEBueu rendeu homenaxe á patroa dos mariñeiros co regreso da procesión marítima

Bueu rendeu homenaxe á patroa dos mariñeiros co regreso da procesión marítima

Publicado o

Bueu honrou este sábado á Virxe do Carme, patroa dos mariñeiros, nunha xornada marcada polo regreso á normalidade. Non só pola recuperación de actos que a pandemia impediu, senón tamén polo regreso da procesión marítima. A virxe do Carme volveu saír ao mar, unha imaxe que non se vía desde 2018.

A xornada comezou pola mañá cos oficios relixiosos na igrexa de San Martiño. O párroco, José López, oficiou unha misa na que se tivo moi presente a vinculación de Bueu e das súas xentes co mar. Así, tamén recordou o tráxico suceso do Villa de Pitanxo, que deixou 21 falecidos, converténdose nun dos peores sucesos para o sector marítimo galego dos últimos anos.

Trala misa, a Virxe do Carme saíu en procesión ata a lonxa, percorrendo as rúas coa Banda de Gaitas Manxadoira e a Banda de Tambores. Este percorrido foi xa emotivo para os fieis, posto que ano pasado a Virxe non puido saír do templo polas restricións marcadas pola pandemia.

A emoción multiplicouse pola tarde, co regreso da procesión por mar. O acto comezou cunha misa de campaña na lonxa bueuesa, que congregou a varios centenares de persoas. Ademais, como xa sucedeu nos oficios da mañá, acudiron membros da corporación local e de diversas entidades, como o patrón maior, José Manuel Rosas. Precisamente, este último fixo un recoñecemento a D. Juan Veiga, que doou unha talla de porcelana da Virxe do Carme que tamén saíu ao mar.

Trala misa, a imaxe saíu en procesión da lonxa acompañada pola Banda de Música de Bueu para embarcar no bateeiro “Camboño”. Non o fixo sen antes pasar pola colorida e fermosa alfombra floral realizada pola Asociación Cunchas e Flores de Bueu.

Despois de estar a bordo, decenas de embarcacións acompañaron a procesión así como o catamarán fretado polo Concello e que encheu as 250 prazas de capacidade. Xa á altura da costa de Beluso tivo lugar a emotiva ofrenda floral, antes de poñer rumbo á costa fronte a Cela e, posteriormente, chegar de novo a porto.

Música para todas as idades e espectáculo pirotécnico

Ademais da emotividade dos actos relixiosos, a celebración da Festa do Carme estivo protagonizada polo amplo abano de eventos musicais. Xa o venres, o grupo La Qunkillada encheu o exterior do Centro Social do Mar con centos de persoas que vibraron cos seus temas. Ese mesmo día tamén tivo lugar o concerto de corais no interior do recinto.

O mesmo sucedeu o sábado coa orquestra Ipanema, que logrou conquistar e facer bailar ao público bueués. Ademais, a medianoite foi a quenda do espectáculo pirotécnico, con tirada de fogos desde a praia da Banda do Río e que agradou moito á veciñanza. Xa onte, ademais dos oficios relixiosos do Día das Dores, o broche final chegou co concerto de Guadi Galego, que presentou o seu derradeiro álbum, Costuras.

Ademais, a vila tamén acolleu esta fin de semana a coñecida como Fórmula 1 do aire, a Gaelic GP Series, no recinto da Estacada e coa presenza de pilotos como o campión de España. No ámbito deportivo, celebrouse a XII Travesía a Nado Udra-Pescadoira cuxo gañador foi Ricardo Santos.

ÚLTIMAS

O BNG demandará no Parlamento galego que a Xunta “se faga cargo” da renovación de Pazos Fontenla

A líder do Bloque, Ana Pontón, visitou onte Bueu para coñecer a situación das...

Cela recupera a Festa da Xuventude

A Asociación Xuventude de Cela vén de presentarse publicamente na súa vontade de recuperar...

Unha alfombra floral para reivindicar a paz

Bueu sumouse este Domingo de Ramos á petición global de paz lanzada por Infioritalia....

Meiro prepara o Encontro do Millo Corvo cunha programación “moi diversa”

Meiro acollerá do 14 ao 16 de abril a súa festa gastronómica por excelencia,...