O proxecto internacional de ciencia cidadá CoastSnap, do que Bueu forma parte desde 2019 para estudar os cambios da costa, continúa a medrar. Será grazas a posta en marcha dun proxecto de voluntariado, froito da colaboración da Universidade de Vigo, o Concello de Bueu e FECYT.
Como xa adiantou a este xornal a coordinadora do proxecto en Galicia, Rita González, trátase dun proxecto piloto para o emprego dunha nova aplicación. A través dela, os usuarios poderán rexistrar, dunha maneira moi sinxela, os cambios que detectan nas praias da vila.
A acción formativa terá lugar o sábado 30 de xullo ás 11.00 horas no Centro de Interpretación de Agrelo. As persoas que desexen participar na actividade deben inscribirse previamente a través dun formulario dispoñible na web do Concello ou no teléfono 986 39 00 29 (ext.2).
Coast Snap é un innovador sistema que permite o seguimento de praias a nivel internacional. Grazas á instalación de bases como a de Agrelo para apoiar os teléfonos, a veciñanza pode compartir fotografías que posteriormente os investigadores empregan para analizar os cambios da liña de costa.