InicioMEDIO AMBIENTEA bandeira azul xa ondea na Banda do Río nun "día histórico"

A bandeira azul xa ondea na Banda do Río nun “día histórico”

Publicado o

“Hoxe é un día histórico e moi emocionante para o Concello de Bueu, izamos por primeira vez a bandeira azul na praia da Banda do Río, o que supón un antes e un despois”. Con estas verbas, o alcalde da vila, Félix Juncal, abriu o acto de izado da bandeira azul desta tempada estival. O escenario foi o areal urbano da Banda do Río, que vén de conseguir por primeira vez esta distinción, e que se suma aos de Lapamán, Portomaior, Lagos e Area de Bon. Deste xeito, está previsto que os areais conten ao longo desta semana co servizo de socorrismo.

Juncal destacou a contorna na que se atopa o areal da Banda do Río. “É un referente desta vila mariñeira, cunha contorna co Estaleiro de Purro e moita hostalaría, que contribúen a xerar un clima para gozar tanto a veciñanza como as persoas visitantes”, indicou. O alcalde lembrouse tamén da veciñanza deste propio barrio. “Ao longo destes anos trasladaron a necesidade que tiñamos de recuperar o areal, por tratarse dun motor importante a nivel social, cultural e económico”, afirmou.

O rexedor fixo fincapé tamén no traballo desenvolvido ao longo dos últimos quince anos para recuperar o areal. Foi un labor planificado que contemplou actuacións como a corrección das verteduras de augas residuais. Precisamente, o ano pasado a praia da Banda do Río foi incluída no censo oficial de praias da Consellería de Sanidade cunha calidade excelente da auga. Á vez, implementouse o servizo de socorrismo.

Accións nos areais

Desde o Concello indican que levan uns meses traballando na xestión dos servizos das praias. “Un labor moi intenso que cada ano vémonos obrigados a comezar antes”, indican. Pola súa parte, tanto o alcalde como a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Silvia Carballo, sinalan que esta tempada arranxáronse algunhas pasarelas de acceso aos areais así como a renovación doutras. Tamén se instalaron baños químicos, duchas e o servizo de recollida do lixo. Na mesma liña, acometéronse obras de acceso a algúns areais, como na praia de Tuia, onde se pavimentou o Camiño da Carrala cun investimento de 50.000 euros.

Desde o goberno local tamén se dirixiron á oposición. “No 2007, o grupo do Partido Popular perdera as bandeiras azuis e tivemos que traballar para conseguilas de novo e mesmo amplialas”, destacan. Precisamente, subliñan o desafío que supón a nivel económico. “Temos un orzamento de preto de sete millóns e desde o 2005 non subimos os impostos nin as taxas municipais, pero con xestión e planificación somos capaces de ofrecer servizos para que a cidadanía goce dos areais”, conclúen.

Ademais das bandeiras nos areais, Bueu mantén este ano os distintivos azuis da Adeac na Aula da Natureza de Cabo Udra, o Centro de Interpretación de Agrelo e o Sendeiro de Udra.

ÚLTIMAS

O BNG demandará no Parlamento galego que a Xunta “se faga cargo” da renovación de Pazos Fontenla

A líder do Bloque, Ana Pontón, visitou onte Bueu para coñecer a situación das...

Cela recupera a Festa da Xuventude

A Asociación Xuventude de Cela vén de presentarse publicamente na súa vontade de recuperar...

Unha alfombra floral para reivindicar a paz

Bueu sumouse este Domingo de Ramos á petición global de paz lanzada por Infioritalia....

Meiro prepara o Encontro do Millo Corvo cunha programación “moi diversa”

Meiro acollerá do 14 ao 16 de abril a súa festa gastronómica por excelencia,...