InicioSOCIEDADEManuel Lorenzo e Bea Fernández conquistan o Cross de Cabo Udra

Manuel Lorenzo e Bea Fernández conquistan o Cross de Cabo Udra

Publicado o

A normalidade regresou ao Cross de Cabo Udra na súa sexta edición. O entorno natural de Beluso converteuse onte pola mañá en epicentro do deporte, con máis de 800 participantes nas diversas categorías nun evento organizado por Asbel. Arroupados por un magnífico ambiente grazas ao público, os corredores Manuel Lorenzo e Bea Fernández conseguiron lograr o primeiro posto da categoría absoluta.

O marinense Lorenzo pelexou polo primeiro posto co cangués Álvaro Prieto, gañador das tres últimas edicións da carreira. Finalmente, Manuel Lorenzo arrebatoulle o título de campión ao cruzar a meta en primeiro lugar, cunha vantaxe de quince segundos con respecto a Prieto. No ámbito feminino, Bea Fernández, do club bueués Corredoiras, conseguiu por segundo ano consecutivo o primeiro posto, batendo a marca da edición anterior. O podio masculino completárono Álvaro Prieto en segundo lugar e Sergio Jamardo co terceiro posto, mentres que no feminino a segunda corredora en cruzar a meta foi María del Rosario Figueroa e a terceira Sara Castillo.

Na carreira popular, con 61 participantes e unha distancia de catro quilómetros, os gañadores foron Íñigo Martínez, que rematou o percorrido en catorce minutos, e Carolina Otero, que o fixo en dezasete. O segundo posto masculino foi para Juan Carlos Soto e o terceiro para Sindo González. Na popular feminina o podio completárono Antía García e Tamara Santos.

Previamente ás categorías popular e absoluta, o Cross de Cabo Udra comezou coa saída da andaina, na que os participantes percorreron dez quilómetros pola natureza do lugar. Tamén se disputaron as carreiras das categorías inferiores, que foron desde alevín ata pitufos 3 anos e nas que a cativada gozou do apoio do público para animalos nas súas carreiras.

A cita deportiva rematou coa entrega de premios aos gañadores, que contou coa presenza de diversas autoridades. Houbo trofeos para os primeiros inscritos no cross, os participantes de máis lonxe (de Melilla e Xixón), para o equipo gañador e para o que reuniu máis participantes así como na categoría de veteranos. Ademais, os organizadores entregaron o Trofeo Bravo ao club deportivo Vila de Cangas pola súa colaboración á vez que recoñeceron aos bueueses Gonzalo Costas, Casu García e Ricardo Graña polo seu compromiso coa celebración do cross.

De xeito paralelo, a sexta edición do cross contou con actividades como a limpeza da praia de Ancoradouro, clases de zumba ou a organización de xogos populares para a cativada da man da Asociación Juan XXIII. Tamén se mantivo o carácter solidario, coa presenza de postos de colectivos como Adicam, Diabetes 0, Agaela, Avempo ou da Protectora de Animais do Morrazo.

ÚLTIMAS

O BNG demandará no Parlamento galego que a Xunta “se faga cargo” da renovación de Pazos Fontenla

A líder do Bloque, Ana Pontón, visitou onte Bueu para coñecer a situación das...

Cela recupera a Festa da Xuventude

A Asociación Xuventude de Cela vén de presentarse publicamente na súa vontade de recuperar...

Unha alfombra floral para reivindicar a paz

Bueu sumouse este Domingo de Ramos á petición global de paz lanzada por Infioritalia....

Meiro prepara o Encontro do Millo Corvo cunha programación “moi diversa”

Meiro acollerá do 14 ao 16 de abril a súa festa gastronómica por excelencia,...