InicioPOLÍTICAO BNG levará ao Parlamento galego a falta de persoal nas urxencias...

O BNG levará ao Parlamento galego a falta de persoal nas urxencias de Bueu 

Publicado o

Desde o pasado venres, o Punto de Atención Continuada (PAC) do centro de saúde de Bueu experimentou diversos peches de servizo polas baixas do persoal e que obrigan á veciñanza a trasladarse ao PAC de Marín no caso dunha urxencia. Ante esta situación, o BNG de Bueu reuniuse onte diante do servizo de urxencias para coñecer de preto a situación.

Alí tamén estivo o deputado do BNG no Parlamento galego, Paulo Ríos, que adiantou que o BNG levará a problemática do centro de saúde bueués ao Parlamento galego. “O Partido Popular ten que tomar posición dunha vez, terá que contratar médicos se hai baixas e non poñer escusas, coa saúde da nosa veciñanza non se pode xogar”, indicou Ríos.

O deputado do BNG incidiu en que a situación de Bueu non é un feito illado, senón que sucede nos demais municipios do Morrazo. En Moaña, por exemplo, xa suman máis de dous anos co servizo de urxencias pechado. “Forma parte da folla de ruta do PP no noso país para desmantelar un servizo público fundamental como o sanitario, a atención primaria e as urxencias”, apunta Ríos, á vez que sinala a intención de “derivar todo cara un servizo hospitalario concertado” e consecuencias como os atrasos nas citas ou a precarización do persoal. Ante a situación, desde o BNG entenden que “é vital” contar cunha sanidade pública forte.

O responsable local do BNG de Bueu, Alberto Moital, amosou onte tamén o seu claro malestar ante a situación do PAC de Bueu. “É necesario cubrir e reforzar os equipos e non desmantelar a nosa atención primaria, garante dunha atención de proximidade”, expón.

Desde o BNG de Bueu explican que a veciñanza se entera da situación a través dun cartel no propio PAC, onde se dá conta de que o médico de Bueu é desprazado a Marín para cubrir unha baixa. “A pesar de contar con dous en Marín, deixan ás urxencias de Bueu a porta pechada. Parece un xogo macabro, mais é a triste realidade”, engade Moital,

A situación que vive o servizo de urxencias non é allea ao resto do centro de saúde. Desde o BNG de Bueu sinalan que desde o 2020 tamén existe falta de atención en pediatría. “En moitas ocasións hai tan só unha pediatra con xornada parcial para 1.400 rapaces, e noutras os pais e nais teñen que desprazarse 30 minutos a Pontevedra”, explica Moital.

Tamén fan referenciaá actitude das demais forzas políticas da vila. “Esperamos que se posicionen na defensa dos dereitos da veciñanza nun asunto de tal calibre e non actúen como unha mera sucursal”, conclúe.

Desde o propio Concello de Bueu levan intentando ao longo desta semana poñerse en contacto coa xerencia da EOXI Pontevedra- O Salnés, sen éxito ata o momento. Ante a situación, o luns está convocada a xunta de voceiros para tratar o tema e o martes a Mesa Local da Sanidade, onde están representados os voceiros da corporación, asociacións veciñais, o responsable do centro de saúde e o xerente da EOXI.

ÚLTIMAS

O BNG demandará no Parlamento galego que a Xunta “se faga cargo” da renovación de Pazos Fontenla

A líder do Bloque, Ana Pontón, visitou onte Bueu para coñecer a situación das...

Cela recupera a Festa da Xuventude

A Asociación Xuventude de Cela vén de presentarse publicamente na súa vontade de recuperar...

Unha alfombra floral para reivindicar a paz

Bueu sumouse este Domingo de Ramos á petición global de paz lanzada por Infioritalia....

Meiro prepara o Encontro do Millo Corvo cunha programación “moi diversa”

Meiro acollerá do 14 ao 16 de abril a súa festa gastronómica por excelencia,...