Sanamedio converteuse esta fin de semana en lugar de referencia para a poesía e especialmente para aquela vencellada ao mar da man das xornadas “Id’ a San Momed”, organizadas pola asociación O Arquivo das Trasnas e Librería Miranda e financiadas pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. Os versos e a súa unión ao mar encheron durante o sábado e o domingo a contorna da capela de Sanamedio, a mesma que xa inspirara as cantigas de amigo de Johan de Cangas.
A organización cataloga o desenvolvemento do evento como un “éxito ilusionante” no que se organizaron 18 actividades de diversa índole. “Sentímonos profundamente felices de conseguir que Sanamedio e Bon se convertesen no epicentro da poesía galega durante unhas horas”, declarou Daniel Chapela, coordinador das xornadas e que tamén se referiu ao apoio recibido para a organización por parte do párroco da vila, José López, da poeta Míriam Ferradáns así como do tecido asociativo da vila.
As xornadas empezaron o sábado e incluíron relatorios de Maroles Villanueva, Pilar Lorenzo ou Anxo Angueira. Tamén se realizou a presentación de “Uralita” e obradoiros poéticos como o impartido por Míriam Ferradáns, que tivo que aumentar as prazas iniciais polas solicitudes presentadas. As actividades do sábado tamén albergaron o recital poético de Oriana Méndez, Estíbaliz Espinosa e Marilar Aleixandre, antes de rematar o día coas regueifas de Kike Estévez e Lupe Blanco, que lograron unha ampla interacción co público asistente.
O domingo foi a quenda de relatorios a cargo de Xosé Luís Axeitos, Heitor Mera ou Antonio Reigosa. Tamén estivo presente a autora Inma López Silva que presentou “Clepsidras” xunto ao crítico literario Armando Requeixo. Pola tarde tivo lugar o obradoiro poético de Antía Otero así como a presentación do poemario “Darbo”, antes de rematar co recital poético de Carlota Corredoira, Dani Costas e Míriam Ferradáns e co concerto de Tino Baz. Desde a organización destacan tamén o recital durante o micrófono aberto de Pedro, “un mozo de Boiro que se achegou desde Pontevedra a Sanamedio en bicicleta cunha tenda de campaña”.
Daniel Chapela, coordinador das xornadas, agradeceu o labor das colaboradoras e do público asistente. “Resulta tremendamente emocionante poder traer unha actividade deste calibre a Sanamedio e xuntar aquí a tantísimas voces representativas da nosa lírica”, explicou. Desde a organización estiman que asistiron entre 400 e 500 persoas, “un logro que calla na memoria” e Chapela sinalou que “é un comezo inmellorable para seguir traballando pola cultura galega en Bueu”, conclúe.
Durante ambos días, a Librería Miranda contou cun posto de libros que foi escenario de sinaturas de libros dos autores e autoras participantes, así como de poetas da vila de Bueu. Tamén estivo aberta unha cantina a cargo do Bueu Atlético Balonmán para que as persoas asistentes puideran xantar na contorna de Sanamedio.