InicioCULTURABueu camiña cara a dixitalización da súa memoria fotográfica

Bueu camiña cara a dixitalización da súa memoria fotográfica

Publicado o

As fotografías antigas son unha das testemuñas máis destacadas para coñecer o pasado de Bueu así como as súas costumes ou evolución. Hoxe, no Día Internacional dos Arquivos, a Concellaría de Patrimonio, Arquivo e Bibliotecas de Bueu adianta que están traballando nun proxecto piloto para a dixitalización de arquivos fotográficos da vila. Tal e como sinala o edil Alberto Moital, os primeiros fondos fotográficos elixidos para esta dixitalización son os relativos aos irmáns Carballal e á familia Gaggero, ambos situados temporalmente a finais do secúlo XIX e no primeiro terzo do século XX.

Esta iniciativa pioneira en Bueu estase traballando xunto a José María Cumbraos, responsable do Arquivo Audiovisual da Deputación de Pontevedra. Precisamente, unha vez os fondos estean dixitali zados, a veciñanza poderá atopalos na web “Atopo”, onde se localizan numerosos fondos documentais e gráficos da provincia. No proxecto piloto tamén participan o arquiveiro municipal, Belarmino Barreiro e o profesor e investigador Arturo Sánchez Cidrás.

“Esta iniciativa pode ser o cerne de máis proxectos”, sinala o concelleiro de Patrimonio, Alberto Moital. Agarda que este proxecto piloto faga á vez un chamamento á cidadanía para a localización doutros fondos fotográficos que permitan aumentar os rexistros do pasado da vila.

Os irmáns Lago Carballal

Naturais da praia de Beluso e cunha familia vinculada á industria da salgadura, os irmáns Francisco e Salavador Lago Carballal foron dúas figuras clave no desenvolvemento da vida cultural bueuesa no primeiro terzo do século XX.

A música e o teatro espertaron o seu interese, pero tamén o fixo especialmente a fotografía, sobre todo no irmán máis pequeno, Salvador. Este feito levouno a conseguir en 1921 o segundo Premio Nacional de Fotografía convocado por Kodak e baixo o título de “Escenas de verano”. Fíxoo con tan só 23 anos, o que demostraba que o seu entusiasmo pola fotografía comezou moi cedo.

Dentro das súas imaxes, que adoitaba revelar el mesmo e que agora serán dixitalizadas, hai unha ampla variedade que vai desde os retratos ata fotografías paisaxísticas. O edil de Patrimonio, Alberto Moital, tamén incide na existencia de evidencias escritas que revelan que os irmáns Carballal coñeceron tamén a Johan Carballeira e a Gonzalo Torrente Ballester.

Attilio Gaggero

O outro arquivo fotográfico que formará parte do proxecto piloto de dixitalización é o da familia Gaggero, naturais de Xénova e que se estableceron na vila a comezos do século XX. Preto de 1930, tense rexistro de dúas fábricas de salgadura ao nome da familia e xa en 1938 da fábrica de conservas situada en Pescadoira.

Attilio Gaggero converteuse tamén nun afeccionado á fotografía amateur e cuxas imaxes tratará de localizar este proxecto piloto. Ademais, Attilio chegou a ser o primeiro presidente do club de fútbol de Bueu, indica Moital.

Estes dous arquivos pretenden ser os primeiros en dixitalizarse, un proceso complexo que requirirá do emprego de escáneres especializados, pero que agarda ser o xerme para a localización de máis fondos fotográficos para a súa conversión dixital, que permite estar ao alcance da veciñanza.

Incorporación dun bolseiro

Ademais deste proxecto, desde a Concellaría de Patrimonio, Arquivo e Bibliotecas informan da incorporación dun bolseiro ao arquivo municipal, a través dunha subvención da Xunta de Galicia. Será unha persoa titulada que comezará o seu traballo en xullo, exercendo tarefas relacionadas coa documentación. A súa estadía inicial será de seis meses, aínda que se poderá prorrogar durante outros seis.

ÚLTIMAS

O BNG demandará no Parlamento galego que a Xunta “se faga cargo” da renovación de Pazos Fontenla

A líder do Bloque, Ana Pontón, visitou onte Bueu para coñecer a situación das...

Cela recupera a Festa da Xuventude

A Asociación Xuventude de Cela vén de presentarse publicamente na súa vontade de recuperar...

Unha alfombra floral para reivindicar a paz

Bueu sumouse este Domingo de Ramos á petición global de paz lanzada por Infioritalia....

Meiro prepara o Encontro do Millo Corvo cunha programación “moi diversa”

Meiro acollerá do 14 ao 16 de abril a súa festa gastronómica por excelencia,...