InicioSOCIEDADEO IES Johan Carballeira logra o Premio "Escola sen armarios, libre de...

O IES Johan Carballeira logra o Premio “Escola sen armarios, libre de LGTBIfobia”

Publicado o

Despois de tres cursos apostando pola visibilidade e a normalización da diversidade afectivo sexual, con máis de 60 actividades e unha formación integral, o IES Johan Carballeira vén de ser galardoado co primeiro premio “Escola sen armarios, libre de LGTBIfobia“, convocado por Arelas (Asociación de familias de menores trans). Tal e como recoñece o xurado do premio, o instituto bueués destacou “polo seu traballo serio, transversal e con perspectiva da diversidade” que serviu para previr as violencias LGTBIfóbicas. Agora, a asociación entregará unha placa co lema “Escola sen armarios, libre de LGTBIfobia”, que será colocada nun espazo do centro.

Este premio chega grazas á creación, fai tres anos, do Grupo de Apoio LGBT+ do centro. A coordinadora de Igualdade e Diversidade, Leo Gala, admite que recibir este premio tradúcese “nunha reiteración de que o traballo que estamos facendo está chegando a moitas partes”. Precisamente, o Johan Carballeira é o primeiro centro en Galicia en conseguir o recoñecemento. “É un orgullo e unha seguridade de que van a estar ben no instituto e non van ter ningún tipo de discriminación, poden ser eles e elas sen que ninguén lles xulgue”, destaca a coordinadora.

Desde o Grupo de Apoio LGBT+ marcaron cinco obxectivos principais para erradicar as discriminacións no centro: crear espazos visibles LGBT+, traballar as diversidades desde todas as materias e todos os cursos, crear espazos propios en todo o centro, deseñar actividades e ter tolerancia cero coas discriminacións e violencias por razón de xénero, orientación ou identidade.

Precisamente, un dos factores que levou ao instituto bueués a facerse co premio foi a súa formación integral, na que non só se ten en conta ao alumnado, senón tamén ao profesorado e ás familias. Conscientes da falta de ferramentas ao tratarse dun proceso novo, as persoas formadoras realizan obradoiros para o alumnado, coloquios para as familias e formación para o profesorado. “É un xeito de pechar o círculo e de que todas vaiamos a unha, na mesma dirección, para entender e acompañar ás persoas que o precisen”, engade Gala.

Máis de 60 actividades pese á pandemia

Cada inicio de curso, o centro realiza unha enquisa para coñecer como se sente o alumnado. “Para loitar contra a LGTBfobia, temos que concretar que é e a quen vai dirixida”, sinalan desde o grupo. Nesa primeira sondaxe pregúntanse cuestións relacionadas cos tipos de violencia e abusos aos que se enfrontan por razóns de xénero, orientación e identidade. Con ela conseguen poñer o foco nas diversidades do alumnado, así como nos seus medos, discriminacións e prexuízos.

Tras coñecer en primeira persoa as experiencias do alumnado, a equipa de Igualdade e Diversidade do Johan Carballeira comeza a deseñar actividades específicas. A pesar da chegada da pandemia que paralizou o traballo dos centros, conseguiron realizar máis de 60 actividades relacionadas coa diversidade, con formatos moi diferentes. Algunhas lograron gran repercusión na sociedade, como a campaña “A roupa non ten xénero”, na que se loitaba contra os prexuízos á hora de vestirse e que rematou cunha gran xornada con centros da contorna e á que tamén acudiu a corporación municipal.

Outras actividades foron a realización da curtametraxe “Aprende, entende e únete!”, onde o propio alumnado LGBT+ creou o guión e protagonizou o vídeo, que pretende sensibilizar á sociedade. Tamén se realizaron logos, exposicións, xogos diversos e de rol, cartas de amor diverso… Ademais, os espazos cobraron gran protagonismo e, por exemplo, pintaron as gradas do patio coa bandeira LGBT+ ou mesmo crearon un espazo de temática LGBT+ na biblioteca.

“A sociedade evoluciona e as escolas temos que evolucionar con ela”

“A sociedade evoluciona e as escolas temos que evolucionar coa sociedade”, explica Leo Gala. Nesta liña, os grupos de apoio ao alumnado LGTB+ están medrando cada día nos centros galegos. “É unha marabilla poder traballar en rede, adaptar actividades, é como un banco de ideas entre moitos centros”, sinala.

A pesar de que tamén se atoparon algunhas barreiras, con discursos de odio, o grupo continuou traballando e conseguiu derribalas. “O premio é un recoñecemento de que estamos indo polo bo camiño, temos moitísimo por aprender pero é un punto de inflexión. Estamos polo bo camiño, avanzando”, conclúe Gala.

A coordinadora admite que seguirán traballando nesta activa dinámica, para a que xa están deseñando proxectos para o vindeiro curso. Iso si, agora o farán cunha placa que recoñece o IES Johan Carballeira como un centro seguro e libre de LGTBIfobia.

ÚLTIMAS

O BNG demandará no Parlamento galego que a Xunta “se faga cargo” da renovación de Pazos Fontenla

A líder do Bloque, Ana Pontón, visitou onte Bueu para coñecer a situación das...

Cela recupera a Festa da Xuventude

A Asociación Xuventude de Cela vén de presentarse publicamente na súa vontade de recuperar...

Unha alfombra floral para reivindicar a paz

Bueu sumouse este Domingo de Ramos á petición global de paz lanzada por Infioritalia....

Meiro prepara o Encontro do Millo Corvo cunha programación “moi diversa”

Meiro acollerá do 14 ao 16 de abril a súa festa gastronómica por excelencia,...