As fotografías poden converterse nun importante recurso para analizar os cambios da costa ante diversos factores como a influencia das tempestades ou a acción humana. Así o demostra Coast Snap, un proxecto internacional de ciencia cidadá do que Bueu forma parte desde 2019 e que permite estudar os cambios da costa bueuesa.
Grazas á instalación de bases para apoiar os teléfonos ou as cámaras, a veciñanza pode compartir fotografías que posteriormente os responsables do proxecto empregan para analizar os cambios da costa. En Bueu, a base está situada no extremo sur da praia de Agrelo, no punto que une este areal co de Loureiro. A iniciativa, que naceu en Australia no 2017, chegou á vila en xaneiro do 2019. Dous anos despois e con case mil imaxes rexistradas, a investigadora bueuesa e responsable do proxecto en Galicia, Rita González, analiza a evolución da liña de costa do areal.
“No caso de Agrelo, a posición da liña de costa ten unha tendencia bastante estacional, relacionada coas tempestades do suroeste cando se observa que a praia retrocede, pero curiosamente recupérase bastante”, apunta González. Precisamente, esa restitución natural pode estar directamente relacionada co aporte de sedimentos do pequeno regato que desemboca preto do Centro de Interpretación.
Porén, a situación cambia durante o verán. “Está perdendo un pouco de sedimento en altura que pode estar ocasionado pola limpeza do areal, que rompe o seu perfil natural”, explica a responsable do proxecto, que incide en que o sedimento se redistribuiría de maneira natural sen ocasionar esa perda de area.
A investigadora e veciña da vila apunta á importancia do desenvolvemento destes proxectos en lugares como Bueu. “Vivimos nun pobo costeiro e parte da nosa economía está sustentada no turismo da costa, é primordial que as costas estean nun estado natural sostible“, enfatiza. Neste sentido, contar cun dato temporal continuo cobra gran relevancia á hora de mellorar a xestión destes ambientes para futuras xeracións.
Participación
A implicación da cidadanía é o piar principal sobre o que se asenta Coast Snap. Os usuarios que fagan unha fotografía na base de Agrelo poden compartila de diferentes maneiras, a través do correo electrónico ou directamente nas redes sociais empregando a etiqueta #CoastSnapAgrelo. Tamén poden facelo a través da aplicación Coast Snap, coa que non é necesario situarse nunha base. “Sérvenos para ver onde hai interese da xente en cada zona e para plantexarnos poñer novas bases”, engade González.
É fundamental indicar a hora na que a fotografía foi tomada, xa que a liña da costa, o límite entre a auga e a area, pode variar en función das mareas. “Temos que ter en conta que estamos nunha zona cunha diferenza de case catro metros en mareas vivas, entre a baixa e a alta. Temos que saber o momento no que foi tomada a imaxe para facer unha corrección da marea”, aclara a bueuesa.
“Outros puntos interesantes serían na Banda do Río e Pescadoira”
Rita González, investigadora en morfoloxía costeira, encárgase despois de buscar as imaxes en Internet e organizalas nunha base de datos para procesalas cos algoritmos e sacar os resultados. “Estamos intentando crear produtos máis visuais para que a sociedade vexa como cambia a liña de costa no tempo que recibimos imaxes, facer que sexan partícipes”, sinala.