InicioPATRIMONIORegreso ao pasado romano de Ons

Regreso ao pasado romano de Ons

Publicado o

Os últimos traballos arqueolóxicos realizados en Ons durante o 2021 veñen de confirmar a ocupación humana na illa hai vinte séculos, desde o século I antes de Cristo, cunha industria dedicada á salgadura de peixe e á elaboración de púrpura. Así o avanzou esta mañá o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, que presentou os resultados na propia illa xunto ao responsable do proxecto do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo, Adolfo Fernández.

Coas intervencións realizadas apareceu un conxunto industrial romano vinculado ao sector do mar na praia de Canexol, onde xa se coñecía a existencia dunha fábrica de salgadura. Mentres, no castro descubriron estruturas residenciais completas e ferramentas para a vida diaria.

“Damos un paso máis no descubrimento da súa historia e pretendemos continuar con esta liña de traballo para poñelo en valor”, sinalou López. Na cita tamén estiveron presentes o director do Parque Nacional das Illas Atlánticas, José Antonio Fernández Bouzas; o xefe territorial de Medio Ambiente, José Manuel González e o investigador do Grupo de Estudo de Arqueoloxía da Universidade de Vigo, Adolfo Fernández.

A actuación, impulsada pola Xunta en colaboración coa Universidade de Vigo, consistiu en dúas intervencións na praia de Canexol e no castro do Castelo dos Mouros. As investigacións e escavacións arqueolóxicas terán continuidade antes do verán no mesmo castro, co obxectivo de exhumar máis superficie e descubrir máis achados.

Fabricación de púrpura en Canexol

No areal de Canexol xa se coñecía a presenza dunha fábrica de salgadura, pero ao abeiro dos novos traballos apareceu un conxunto industrial romano completo vinculado ao sector do mar cun gran valor patrimonial en toda a Península Ibérica.

“Os resultados foron excepcionais. A limpeza do cantil xa indicaba a existencia de máis dunha fábrica de salgadura, hipótese que quedou verificada cos resultados obtidos coa prospección xeofísica, que detectou a presenza de dúas fábricas e outras estruturas asociadas ao complexo industrial romano, como unha rampla de acceso desde a praia para subir o peixe cara ás fábricas”, comenta Adolfo Fernández, responsable do proxecto arqueolóxico de Ons.

Ademais, os arqueólogos tamén escavaron o pío da salga romana, unha estrutura que desde o GEAAT indican que está “nun excelente estado de conservación, con case dous metros de alzado de muro conservado”.

Outra das novidades chegou coa identificación dun vertedoiro de cunchas de múrices, un molusco empregado para fabricar tinguidura de cor púrpura en época romana. “Indica que en Ons os romanos ademais de preparar peixe salgado e salsas, tamén fabricaban púrpura”, engade o director do proxecto. Estes achados permiten determinar o funcionamento de “dúas ou mesmo tres grandes fábricas” de peixe en salgadura e púrpura durante varios séculos.

Castro do castelo dos Mouros

Na segunda zona de traballo, no castro do castelo dos Mouros, acometeuse unha intervención por primeira vez na historia, xa que se apuntaba á existencia dun asentamento poboacional onde podían residir os traballadores da industria de conservas de peixe.

A intervención levada a cabo, apuntan desde o GEAAT, trouxo consigo importantes novidades sobre a ocupación humana da illa. Descubríronse así estruturas residenciais e moitos útiles, aparatos e incluso 31 moedas de bronce, confirmando así a presenza humana nesta zona da illa na época romana.

Próxima campaña

Ademais da escavación planificada para antes do verán, o proxecto inclúe o deseño e a creación dunha ruta sinalizada e con información sobre os novos restos descubertos. “Grazas á arqueoloxía, o pasado antigo de Ons sae do seu ostracismo e aspira a converterse nun reclamo máis da illa”, afirma Adolfo Fernández.

Ademais, engade que os poboadores do castro mantiñan relacións económicas e comerciais con outros territorios afastados. “A finais do século IV abandónanse as fábricas e o castro como sucede noutros puntos da costa galega, por razóns que aínda hoxe descoñecemos, o que demostra que aínda nos queda moito por descubrir do pasado das Illas Atlánticas, das xentes que as poboaron e as súas formas de vida”.

ÚLTIMAS

O BNG demandará no Parlamento galego que a Xunta “se faga cargo” da renovación de Pazos Fontenla

A líder do Bloque, Ana Pontón, visitou onte Bueu para coñecer a situación das...

Cela recupera a Festa da Xuventude

A Asociación Xuventude de Cela vén de presentarse publicamente na súa vontade de recuperar...

Unha alfombra floral para reivindicar a paz

Bueu sumouse este Domingo de Ramos á petición global de paz lanzada por Infioritalia....

Meiro prepara o Encontro do Millo Corvo cunha programación “moi diversa”

Meiro acollerá do 14 ao 16 de abril a súa festa gastronómica por excelencia,...