O galardón foi para o equipo creador do proxecto, integrado por Daniel Chapela, de Bueu; Beatriz Pereira, de Tomiño e Sara Piñeiro, de Cangas
As redes sociais son un espazo no que cada día nacen novos proxectos dunha gran diversidade temática, onde as ideas collen forma e deseño. Coa pandemia, a aparición destas iniciativas multiplicouse. Unha destas orixinais creacións foi “O Arquivo das Trasnas”, unha conta en Instagram co obxectivo de promover a literatura galega entre a xuventude. Tal foi a súa acollida, que os seus autores veñen de gañar o Premio Follas Novas do Libro Galego na categoría de proxecto literario en rede. O bueués Daniel Chapela recibiu o galardón xunto as súas compañeiras, Beatriz Pereira e Sara Piñeiro, na gala celebrada o pasado sábado en Santiago de Compostela.
“Non o agardabamos porque hai moita calidade de proxectos na gala e O Arquivo das Trasnas naceu hai dous anos, en plena pandemia, por iniciativa de Sara, e non o esperabamos”, afirma Daniel Chapela, estudante de Filoloxía Galega. O bueués sinala tamén o traballo que se esconde detrás da conta en Instagram, con numerosas colaboracións e “apoios de ilustradores, autoras, editoras e toda a xente que se fai eco”.
Os piares da iniciativa
As bases deste proxecto aséntanse na difusión da literatura galega entre o público máis mozo, de aí a súa presenza en Instagram. Pero non se limitan tan só a divulgar aquelas figuras históricas da literatura. Outro dos eixos apunta a darlle presenza a autores e autoras da actualidade. Emma Pedreira, Míriam Ferradáns ou Antía Yáñez son as protagonistas de varias publicacións. “Todo isto procurando sempre un esforzo porque as mulleres teñan a presenza que lles corresponde”, engade Chapela.
Para conseguir a conexión co público, “O Arquivo das Trasnas” presenta unha estratexia de comunicación moi dinámica na que lle dedican cada semana a un autor ou autora con tres publicacións e empregando recursos como adiviñas. “A maiores, empezamos coa sección de novas de todos os meses e na semana do Libro, por exemplo, difundimos os actos que nos parecían interesantes”, relata Chapela, que tamén se refire á creación dun reto lector.
Precisamente, a interacción é outra das bases deste recuncho literario na rede. Para logralo animan á xente a recomendarlles libros ou crean modelos sobre gustos literarios que os seguidores poden encher. “Buscamos tamén a interacción co resto de contas, ir tecendo rede”, apunta o bueués.
Orixes
O lanzamento de “O Arquivo das Trasnas” ten como punto de partida Bueu, xa que os seus creadores entraron en contacto no FICBueu, onde se coñeceron. “Antes da pandemia decidimos facer un documental, “Emma Pedreira. O DES-EN-FRENO”, que gañou un premio e no que xa traballamos os tres xuntos”. O mesmo ocorreu co documental “Xela Arias. Poeta nas marxes”, que xa se presentou en 28 municipios e que, precisamente, chegará a Bueu na programación destas Letras Galegas. O vínculo bueués que arrodea a “O Arquivo das Trasnas” quedou tamén presente na gala dos premios, xa que, como coincidencia, o libreiro Fernando Miranda era o encargado de entregar o premio desa categoría.
Noutra liña, o traballo conxunto de Daniel, Sara e Beatriz tamén os levou a organizar as xornadas “Literatura nas marxes: a creación alén do canon“, para a Secretaría Xeral de Política Lingüística en marzo do ano pasado. “O Arquivo das Trasnas foi o que máis nos uniu, pero hai moitas máis cousas”, lembra Chapela.
Os Premios Follas Novas do Libro Galego están organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia. Contan co apoio tamén da Deputación da Coruña, Concello de Santiago, CEDRO (Centro Español de Dereitos Reprográficos) e Xunta de Galicia.
No seu discurso como premiado, o bueués agradeceu o labor das pequenas editoriais e fixo fincapé na necesidade de “repensar e potenciar” os eventos deste ámbito. “Propoñemos unha reformulación para que sexa un evento da xente, no que se sinta partícipe”, conclúe Chapela.