A importancia da fotografía como testemuña histórica quedou plasmada primeiramente a través das cámaras de Wunderlich, Anderson e Suárez. Nesta nova entrega, o pasado da vila é obxectivo de fotógrafos non tan coñecidos como os anteriores, pero que crearon un importante legado do Bueu de finais do século XIX e comezos do XX. Cómpre destacar que todas estas fotografías foron extraídas do Arquivo da Deputación de Pontevedra.
Francisco Zagala
A invención da fotografía sitúase no século XIX, cando o francés Niépce conseguiu crear una imaxe fixa da súa casa en 1826, agora considerada a primeira fotografía da historia. Dezaseis anos despois deste importante suceso, naceu Francisco Zagala en Verín. Tralos estudos en Madrid, estableceuse en Pontevedra e abriu as portas do estudo fotográfico “La Madrileña”.
Zagala foi un dos primeiros fotógrafos galegos en suceder aos estranxeiros, que pola súa procedencia tiñan un maior contacto con esta arte. Así, converteuse no fotógrafo oficial da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, que perseguía recuperar bens artísticos da cidade. Esta entidade reparou na importancia da fotografía, deixando tras de si un ben de incalculable valor histórico.
Da paixón de Zagala pola cámara consérvanse tres imaxes de Bueu de 1902. Aínda que cunha calidade propia dos inicios da fotografía, as instantáneas convértense nunha testemuña fiel do pasado mariñeiro da vila no inicio dun novo século. Nos retratos da praia obsérvanse embarcacións, mariñeiros no seu traballo diario e incluso secadoiros de redes.
Manuel F. Tilve
Dentro da mesma Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra á que pertencía Zagala, atópanse fotografías firmadas por Manuel F. Tilve, do que non se puido obter más información. Porén, o paso de Tilve por Bueu tivo unha contribución importante ao fondo fotográfico da vila, xa que rexistrou algunhas das primeiras instantáneas, datadas en 1897. Trátase de dúas fotografías sobre a Igrexa de Santa María de Cela, tanto do seu interior como do exterior.
Na fotografía do interior pódese observar o altar así como o retablo posterior e as imaxes relixiosas, mentres que na exterior destacan os arcos da porta que marcan a transición cara o gótico desta igrexa románica do século XII.
Ademais destas primitivas imaxes do templo de Cela, a cámara de Tilve puxo o foco no Pazo do Casal da Graña, tamén coñecido como Casa dos Picos. A fotografía aparece catalogada como “Casa dos Aldao”, debido a súa fundación por parte desta familia en 1409, sendo así o pazo máis antigo da vila. Na captura da cámara de Tilve apréciase a construción e mesmo o escudo entre as dúas ventás abertas.
As imaxes, que están dispoñibles no Arquivo da Deputación, contan con menos difusión popular que as de fotógrafos como Wunderlich ou Anderson. Porén, tanto as aportacións de Zagala como Tilve axudan a que, un século despois, se poida seguir descubrindo como o paso do tempo mudou aqueles lugares que se transitan no día a día.