O monumento a Johán Carballeira volveu ser onte, 17 de abril, e como en ocasións anteriores, punto de encontro da memoria bueuesa. Nun acto organizado pola Asociación Amigos de Johán Carballeira, xunto ao Concello, a vila recordou ao alcalde, xornalista e poeta no 85 cabodano do seu fusilamento así como ás demais vítimas da represión franquista. “É un acto de xustiza, de render homenaxe non só a Carballeira como persoa represaliada neste día, senón a todos os homes e mulleres que sufriron a represión”, concretou o edil de Cultura, Xosé Leal, ao inicio do acto.
Trala súa intervención tomou a palabra Xosé Novas, en representación da Asociación Amigos de Johán Carballeira. “85 anos despois, pero coa satisfacción de que hoxe Carballeira sexa unha figura con prestixio como político, xornalista, poeta e persoa“, explicou Novas, á vez que recordou a todos os sufriron a represión. “Están no seu lugar, como persoas que nos guiaron para seguir pelexando co Bueu que eles soñaban”, engadiu.
Nesta liña, Novas empregou a metáfora “non enterraron mortos, senón semente”, facendo referencia a que a represión non logrou “eliminar toda a herba que estaba a nacer”. Proseguiu o historiador Xosé Álvarez Castro, que expresou a importancia da palabra recordar. “Vén de volver traer ao corazón, e todos temos no noso corazón ás persoas homenaxeadas“.
A continuación tivo lugar a ofrenda floral, na que membros do colectivo depositaron unha coroa de loureiro xunto ao monumento, no que están gravados algúns versos de Carballeira. A homenaxe rematou co himno galego, entoado polos participantes do acto, ao que tamén acudiron o alcalde da vila, Félix Juncal, xunto aos concelleiros Xosé Leal, Alberto Moital e Ricardo Verde.
A xornada continuou no Centro Social do Mar coa presentación do libro “Os anos do silencio. Represión e resistencia na provincia de Pontevedra (1936-1951)”. O seu autor, Xosé Álvarez Castro, explicou o labor de documentación que realizou. “Quería combinar unha forma accesible que non se contrapoña co rigor documental”, aclarou.
O historiador repasou algún dos aspectos que se recollen na obra, que analiza as características e modulacións que adoptaron a represión e a resistencia no chamado “primeiro franquismo”. Este libro amplía así o estudo anterior de Álvarez, que se centrou na comarca de Pontevedra de 1936 a 1939. Agora estende o período de tempo ata 1951, e tamén o ámbito territorial, que abarca toda a provincia.