InicioSOCIEDADE'O estrobo no tolete': unha viaxe audiovisual á infancia da man do...

‘O estrobo no tolete’: unha viaxe audiovisual á infancia da man do escritor Xaime Toxo 26 MARZO

Publicado o

As viaxes á infancia son sempre sinónimo de emocións, dun regreso a outro tempo no que aínda había moitas cousas por descubrir. Un destes desprazamentos ao pasado inspirou ao escritor bueués Xaime Toxo e o seu resultado máis inmediato é “O estrobo no tolete”, un documental financiado pola Deputación de Pontevedra a través da convocatoria para actividades de Dinamización da Lingua Galega. Ambientado na nenez do autor nos anos 60 en Bueu, a peza estréase este luns no Espazo Nemonon de Pontevedra. Estarán presentes o propio Xaime Toxo, presidente do Ateneo de Pontevedra; Manolo Yáñez, realizador audiovisual e Juan de la Sota, fotógrafo. Será no verán cando o filme chegue á vila mariñeira, dentro das xornadas “O mar por diante”, colectivo cultural ao que pertence o escritor.

“Este audiovsual baséase nun texto de prosa poética que é a mirada dun neno, que son eu, 60 anos despois, sobre el mesmo. É un retorno ao neno que fomos, aos espazos onde xogou, onde viviu e descubriu o mundo…” , así define o propio Xaime Toxo a cinta. O punto de partida do documental é o libro “A casa sen nós”, do autor, no que narra dúas viaxes paralelas sobre o mar e a terra. “Son dous compoñentes esenciais do que para min é Bueu, quería que o libro tivese continuidade centrándose na nenez”, confirma Toxo.

A zona de Pescadoira, onde se situaba a súa casa familiar da infancia, é un dos elementos transcendentais da peza. “Era un barrio mariñeiro onde medrabamos practicamente na praia, non ten nada que ver co de hoxe, había moitas embarcacións e era un lugar de traballo”, lembra Toxo. Ese mar, que tantas veces contemplou e o abraiou constitúe o segundo punto de “O estrobo no tolete”. Os seguintes son a descuberta da comunidade, entendida como o resto de Bueu e aspectos máis simbólicos, como a preadolescencia e a consciencia da morte. Esta última plásmase a través do cemiterio vello e complétase coa espiritualidade da Capela dos Santos Reis.

Estas catro cuestións encárganse da división do documental e no tránsito entre apartados aparecen catro persoas relacionadas coa vila: o pintor Antón Sobral, Loli Docampo, da Asociación Veciñal Banda do Río; a directora do Museo Massó, Covadonga López e o historiador e profesor Arturo Sánchez Cidrás.

Porén, a nostalxia e a melancolía non queren ser as emocións predominantes deste proxecto. “Intento que sexa unha visión actual sobre o que é a construción persoal, trátase de reivindicar a infancia como unha etapa fundamental de todas as persoas”, aclara Toxo. E aínda que as sensacións son as que marcan o transcurso do documental, as imaxes mostran diferentes lugares da vila na actualidade, lonxe de ser unha visión costumista ou turística. “Pretendía filmar o invisible, o Bueu que está na memoria dese neno, diferente ao actual”, apunta o autor.

Nesta viaxe sensorial, o título da propia peza non deixa de ser unha metáfora máis. O estrobo é un aro de corda encargado de suxeitar o remo ao tolete, que é o pau fixado á embarcación para esa función. “A idea metafórica é ese navegar da gamela, onde tes que empezar metendo o remo polo estrobo para que non marche o tolete”, explica Toxo. A súa singradura particular foi a volta ás distintas fases da súa infancia.

Para escribir o texto, que é o ingrediente principal da peza, Xaime Toxo inspirouse en dúas ideas que parten de frases como “La infancia dura más que la vida”, de Ana María Matute e “Estoy regresando a la casa de mi padre, siempre estoy regresando a la casa de mi padre”, do poeta alemán Novalis. Precisamente, esta última é a que inicia o vídeo. Xaime Toxo quixo buscarse nun encontro co rapaz que foi. “De producirse ese encontro imposible, como sería? Ese pequeno recoñecería ao adulto que son?”, preguntouse a si mesmo. As respostas están en “O estrobo no tolete”, unha peza chea de profundidade que consegue transportarnos aos pensamentos da nosa propia infancia.

ÚLTIMAS

O BNG demandará no Parlamento galego que a Xunta “se faga cargo” da renovación de Pazos Fontenla

A líder do Bloque, Ana Pontón, visitou onte Bueu para coñecer a situación das...

Cela recupera a Festa da Xuventude

A Asociación Xuventude de Cela vén de presentarse publicamente na súa vontade de recuperar...

Unha alfombra floral para reivindicar a paz

Bueu sumouse este Domingo de Ramos á petición global de paz lanzada por Infioritalia....

Meiro prepara o Encontro do Millo Corvo cunha programación “moi diversa”

Meiro acollerá do 14 ao 16 de abril a súa festa gastronómica por excelencia,...