InicioECONOMÍAAmplo seguimento da manifestación pola suba do prezo dos combustibles

Amplo seguimento da manifestación pola suba do prezo dos combustibles

Publicado o

Bueu acolleu esta mañá unha multitudinaria manifestación pola suba dos prezos do gasóleo e da gasolina. Varios centos de persoas uníronse para protestar contra unha situación que afecta especialmente a un gran número de traballadores do municipio, amplamente vencellado á pesca. A marcha comezou ás once con saída desde a lonxa, epicentro da vida diaria do sector pesqueiro.

Minutos antes, unha “caravana” de camións percorreu a rúa Montero Ríos en dirección ao porto. Os transportistas fixeron soar ás súa bucinas para mostrar a súa desconformidade coa suba dos prezos e unirse ás reivindicacións. A veciñanza apoiounos con aplausos ao seu paso pola rúa, moitos deles lembrando o traballo que tiveron que realizar durante o confinamento de 2020. Tamén empregados doutros sectores saíron ás portas dos seus establecementos en sinal de unión, o mesmo que ocorreu ao seu paso pola praza de Abastos.

Cando os camións chegaron ao dique do porto marcaron o momento de saída da manifestación da lonxa. Os mariñeiros tomaron o relevo e comezaron a asubiar, portando pancartas onde se podían ler frases como “A nós sóbenos o gasoil e Sánchez pasea no falcón” ou “Este goberno quere acabar co sector primario”. O percorrido transcorreu sen incidencias, coa presenza de axentes da Policía Local e da Garda Civil para cortar o tráfico de Montero Ríos.

Unha vez no porto, as bucinas de transportistas uníronse aos asubíos de pescadores. Durante varios minutos ese son, de maneira simbólica, foi o absoluto protagonista, xunto ás pancartas que de novo deixaban patente a desconformidade. “En defensa do sector pesqueiro artesanal” aparecía nunha delas. O acto terminou cun sonoro aplauso, en sinal de apoio ao sector, pois foron moitos os veciños e veciñas que se sumaron á marcha. Tamén o fixeron representantes dos partidos políticos da vila.

Situación actual

A protesta coincidiu co terceiro día de amarre da frota pesqueira, trala folga convocada pola Federación Nacional de Cofradías de Pescadores (FNCP) ante a suba dos combustibles. Inicialmente está programada ata hoxe, coa vista posta na reunión desta tarde co ministro de Agricultura e Pesca, Luis Planas. Do seu resultado dependerá a situación dos vindeiros días.

Trátase dun dos momentos máis graves para o sector, e así o constataban hoxe os traballadores marítimos da vila. “Esperemos que haxa unha solución, pero o vemos crudo. Hai que facer algo porque estamos saíndo ao mar e tendo perdas, non pode ser”, relataba un mariñeiro.

Unha situación que é igual de grave para o sector do transporte, que secunda un paro indefinido desde o pasado luns. “A situación é catastrófica, é mellor estar parado porque hai viaxes nas que temos que poñer cartos do bolsillo“, relata un traballador. “Negocian con que non teñen que facelo, as grandes patronais son as que están gañando diñeiro e nós somos os que durmimos nas cabinas por 1.500 euros, chega un momento no que xa non podemos máis”, conclúe.

Aínda que o desenvolvemento dos paros dependerá das decisións que se tomen nestes días, a protesta de hoxe, convocada por pescadores, deixou patente a unión dos traballadores bueueses ante a situación.

ÚLTIMAS

O BNG demandará no Parlamento galego que a Xunta “se faga cargo” da renovación de Pazos Fontenla

A líder do Bloque, Ana Pontón, visitou onte Bueu para coñecer a situación das...

Cela recupera a Festa da Xuventude

A Asociación Xuventude de Cela vén de presentarse publicamente na súa vontade de recuperar...

Unha alfombra floral para reivindicar a paz

Bueu sumouse este Domingo de Ramos á petición global de paz lanzada por Infioritalia....

Meiro prepara o Encontro do Millo Corvo cunha programación “moi diversa”

Meiro acollerá do 14 ao 16 de abril a súa festa gastronómica por excelencia,...