A campaña da vespa velutina comezou onte na vila, co reparto de trampas na Casa do Pobo de Beluso e baixo o lema “Vespa velutina, convives ou combates: ti elixes”. Este paso preventivo é fundamental para evitar un incremento no número de niños desta especie durante o ano. No 2021 detectáronse 133 niños de velutina en Bueu, de marzo a decembro. Tal e como explica José María Bello, responsable da Asociación Galega de Apicultura na comarca do Morrazo, a implicación da cidadanía é clave. O reparto continúa hoxe ás 20:30 horas no Centro Social do Mar e mañá á mesma hora na biblioteca de Cela.
O programa galego de vixilancia e control da velutina, entre a Xunta e os concellos a través da FEGAMP, detectou 133 niños en Bueu de marzo a decembro do 2021. Deses 133, 58 foron eliminados e 67 neutralizados mentres que en oito foi imposible actuar. No mesmo período do 2020 a cifra indica un total de 101 niños, dos cales 23 foron eliminados e 74 neutralizados, con catro nos que non era posible actuar.
A campaña de trampeo iniciada esta semana é un paso fundamental para evitar a proliferación dos niños. “Permite minimizar a poboación de raíñas que se encargan da realización dos niños primarios e tamén permite manter afastados os avespeiros dos núcleos de poboación”, explica José María Bello, responsable de AGA no Morrazo.
Nos encontros desta semana entrégase material para o seu uso responsable. Ademais da trampa, os asistentes reciben o líquido para o mantemento ata finais de maio, momento no que se deben retirar as trampas. Tamén levan unhas instrucións e unha folla para cubrir os datos, onde por exemplo sinalan o número de capturas, xunto un tríptico informativo. “O ideal é que as trampas estiveran repartidas o máis homoxeneamente posible”, sinala Bello.
O apicultor destaca o papel importante da veciñanza, pois é moi común que as vespas velutinas asenten os avespeiros nas mesmas localizacións. “Teñen un radio de 200 metros que se pode impedir co trampeo”, apunta. Ademais, unha vez que a vespa raíña sae da hibernación, o seu rango de desprazamento é dun máximo de 400 metros. “A raíña da velutina comeza a espertar en primavera, cando as mínimas superan os nove graos e as máximas os dezaseis”, indica Bello.
Precisamente, a climatoloxía das Rías Baixas reúne condicións idóneas para a vespa asiática, con mínimas elevadas. “Tamén hai masa de eucalipto bastante grande para recuperar enerxía e alimentarse”, aclara o apicultor. Nesta liña, Pontevedra foi a provincia que liderou os datos de niños no 2021, con 5.772.
O responsable comarcal de AGA fai un chamamento á veciñanza para que extreme a vixilancia ante a posible presenza dos niños primarios. “O momento para eliminalo é pola noite, para asegurarnos que estea a raíña”, apunta. O experto indica que se pode eliminar cun repelente de moscas. O primeiro niño primario do ano pasado rexistrouse o 26 de febreiro en Moaña.
A implicación veciñal no trampeo é esencial para evitar os efectos da velutina. José María Bello indica que a participación en Bueu é “bastante regular”, un factor que podería explicar que as cifras de niños detectados vila sexan máis baixas que as doutros municipios da comarca.
O Morrazo en cifras…
No 2021, de marzo a decembro, as cifras oficias contabilizan 1.018 niños de velutina. Bueu é o municipio co dato máis baixo, con 133 niños. En Cangas contan 196, 258 en Marín, 277 en Moaña e 154 en Vilaboa.