InicioPOLÍTICAO pleno aproba a RPT cos votos de BNG e ACB

O pleno aproba a RPT cos votos de BNG e ACB

Publicado o

Na sesión tamén se ratificou unha moción sobre a ampliación do Museo Massó e a aprobación do proxecto de reforma da biblioteca Torrente Ballester. O PP levou a pleno unha moción sobre o vial de baixada do tanatorio

O Centro Social acolleu onte a sesión plenaria do mes de febreiro, cuxa orde do día comezou coa aprobación definitiva da Relación de Postos de Traballo (RPT). Este documento saíu adiante cos votos a favor do goberno local, BNG e ACB, e contou co voto en contra do grupo municipal do PP, que afirmou que a RPT “non se sostén legalmente”, tal e como expresou a súa voceira. O pleno contou coa ausencia do grupo municipal do PSOE.

O alcalde, Félix Juncal, comezou a exposición da RPT explicando que foi un proceso longo, con inicio oito anos atrás. “Permítenos ter un marco de seguridade xurídica, regularizar unha situación e supón un acto de xustiza contributiva co persoal municipal”, aclarou. Juncal lembrou que se trata dun documento vivo, “que se pode ir actualizando”.

A voceira do PP bueués, Elena Estévez, iniciou a súa intervención facendo referencia ao número de alegacións recibidas así como a súa variedade. “Demostra que esta RPT non é certo que sexa consensuada”, apuntou. Estévez tamén se referiu á legalidade do documento, xa que “na aprobación inicial e definitiva vén acompañada dun informe de Secretaría e Intervención desfavorable, esta RPT non está sustentada legalmente”. Tamén cuestionou o procedemento a seguir ante a posibilidade de que se presente un recurso contencioso administrativo á vez que preguntou porque a empresa redactora, Galivalia, non participou na última parte do procedemento.

“Máis vale un mal acordo que un bo pleito”. Así comezou Julio Villanueva, voceiro de ACB e vicealcalde, que remarcou que a RPT está consensuada pola “ampla maioría” de traballadores do Concello. “É fundamental sacar adiante a RPT”, finalizou.

Tras isto, o alcalde volveu intervir para acusar á voceira do PP de “aproveitar todo para dotarse de argumentos en contra porque non quere que se aprobe”. Juncal destacou que se propuxo á secretaría xeral a posibilidade de solicitar o informe da consultora se fora necesario. “Non é a RPT do alcalde, é que a se negociou nos últimos anos e aprobada por unanimidade pola Mesa Xeral de Negociación”, concluíu.

Estévez dirixiuse entón para pedir que se recoñecera que existen informes desfavorables dos técnicos e apuntou que “hai traballadores aos que se lle reduce o complemento específico coa RPT”. “Claro que a RPT é necesaria e obrigatoria, pero non queríamos unha que non se sostén legalmente e non imos apoiala”, rematou.

Cos votos a favor de BNG e ACB, a Relación de Postos de Traballo entrará en vigor coa publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOPPO) e a aprobación dos orzamentos xerais do 2022.

A ampliación do Museo Massó tamén a debate

O pleno, que se puido seguir por Youtube, contou cunha moción presentada por BNG e ACB para instar á Consellería de Cultura da Xunta a planificar os traballos para que non condicionen a ampliación do Museo Massó, así como para que afronte as seguintes fases da ampliación en base ao proxecto elaborado polo arquitecto Manuel Gallego Jorreto no 2002.

O voceiro do BNG, Xosé Leal, foi o encargado de dar lectura á moción que narrou os antecedentes, tralo anuncio da Consellería de Cultura o 15 de xaneiro dun investimento de 1.1 millóns de euros para a creación da Sala Urbano Lugrís así como outras melloras. A moción lembrou o acordo plenario de 2008 para a cesión dunha parcela á Consellería para a ampliación do museo, cun total de 3.400 metros cadrados de edificabilidade. “Entendemos que é importante a asignación de fondos para a reforma, pero os traballos non poden invalidar o obxectivo primordial que é a ampliación”, explicou Leal.

Elena Estévez abriu as intervencións explicando que no proxecto de Gallego non se tiña en conta a salgadura descuberta posteriormente. A voceira reafirmou a aposta da Consellería polo museo. “Primeiro haberá que manter e rehabilitar o que hai, a moción paréceme un pouco oportunista”, á vez que aclarou que non ían apoiala.

No seu turno, o voceiro de ACB instou a dirixir un maior financiamento ao museo. “No 2009 o bipartito contribuía en 8 millóns de euros e agora Cultura inviste un millón”, remarcou.

Leal volveu intervir para aclarar que “é unha moción de oportunidade, non oportunista” á vez que refería que non era un condicionante para a salgadura descuberta. O debate rematou cunhas palabras do alcalde, nas que fixo fincapé en que se podería estar perdendo o que cualificou como unha oportunidade histórica. “Como goberno entendiamos que era necesario actualizar ese apoio a que eses metros se utilicen para esa finalidade”, rematou Juncal.

Finalmente, a moción saíu adiante cos votos a favor do BNG e ACB, mentres que o PP votou en contra.

O PP presentou unha moción para a mellora do vial de baixada do tanatorio

O grupo municipal do PP levou ao pleno unha moción para instar á mellora do tramo interior da baixada desde a entrada principal do tanatorio ao vial da Deputación EP-1303. A voceira, trala lectura, apuntou que os cambios derivados da pandemia aumentaron o emprego dese vial por servizos funerarios e usuarios. “Gustaríame que se priorizara unha actuación de mellora”, recalcou.

O voceiro do BNG, Xosé Leal, considerou que a moción podería ser unha pregunta sobre se está previsto actuar no vial e confirmou que é unha actuación que xa está na axenda do goberno.

Estévez tomou a palabra para facer referencia a unha dobre vara de medir. “Se fora unha pegunta dirían que presentemos moción, se é do goberno é que hai preocupación e se a presenta o PP xa está na axenda do goberno”, explicou.

“O raro sería que o goberno non tivera algo previsto para ese camiño”, contestou Juncal. O alcalde adiantou que nos próximos meses haberá actuacións resultantes do traballo dos últimos anos. “Non imos facer deixadez de funcións, vai ser un ano interesante para Bueu e invito á cidadanía para que desfrute desa materialización”, concluíu.

Finalmente, a moción non saíu adiante, pois contou cos votos a favor do PP pero BNG e ACB votaron en contra.

Aprobación do proxecto de reforma da Biblioteca Municipal

O pleno tamén deu luz verde á aprobación do proxecto técnico de reforma e ampliación da Biblioteca Municipal Torrente Ballester, que se levará a cabo no marco das axudas REACPON da Deputación, cun orzamento próximo ao millón de euros.

A reforma suporá unha transformación no edificio tanto de maneira arquitectónica como nos seus servizos, adaptándose ás novas tecnoloxías. Sumarase unha planta adicional de 360 metros cadrados e permitirase o traslado do Arquivo Municipal.

ÚLTIMAS

O BNG demandará no Parlamento galego que a Xunta “se faga cargo” da renovación de Pazos Fontenla

A líder do Bloque, Ana Pontón, visitou onte Bueu para coñecer a situación das...

Cela recupera a Festa da Xuventude

A Asociación Xuventude de Cela vén de presentarse publicamente na súa vontade de recuperar...

Unha alfombra floral para reivindicar a paz

Bueu sumouse este Domingo de Ramos á petición global de paz lanzada por Infioritalia....

Meiro prepara o Encontro do Millo Corvo cunha programación “moi diversa”

Meiro acollerá do 14 ao 16 de abril a súa festa gastronómica por excelencia,...