“A intervención nun primeiro momento é clave”. Esta foi unha das frases más repetidas onte por Emilio Aguete, técnico de emerxencias, durante a charla que impartiu no Centro Social do Mar. O coloquio estaba organizado pola Anpa Alborada do colexio Virxe Milagrosa e contou cun gran respaldo veciñal, pois foron moitos os que se interesaron por coñecer a importancia dos primeiros auxilios pediátricos.
Con experiencia en servizos de emerxencia como o 061, Aguete centrou a súa ponencia na importancia da prevención así como na explicación de técnicas de intervención ante paradas cardiorrespiratorias. Nos bebés, a principal causa destas paradas é a respiratoria. Por ese motivo, revelou que “a maior parte débense a accidentes, como atragantamentos”. Algunhas das recomendacións preventivas consisten en que o bebé durma boca arriba, nun colchón ríxido e libre elementos como almofadas ou xoguetes.
O técnico reiterou en varias ocasións a importancia da formación en primeiros auxilios. “Debería ser unha asignatura, coas nosas mans e corpo podemos salvar unha vida”, explicou. Precisamente, a ponencia tivo como eixo o procedemento a seguir ante unha emerxencia. Durante o primeiro minuto é moi importante realizar unha RCP (reanimación cardiopulmonar), xa que tal e como amosou con diferentes gráficos, a porcentaxe de supervivencia baixa co paso dos minutos.
Aguete, que actualmente é xefe do parque de servizo de extinción e salvamento de Maceda, detallou como se deben facer as RCP adaptadas a bebés e nenos e nenas. Remarcou a obrigatoreidade de realizalas sen que a vítima teña roupa ou a necesidade de facer ventilacións boca boca nariz nos bebés. Ademais de afondar na técnica, tamén aportou información sobre o funcionamento do teléfono de emerxencias 112.
O coloquio, organizado pola Anpa Alborada, concluíu despois de resolver as dúbidas de todos os asistentes. Grazas a esta iniciativa, agora teñen moito máis claro como actuar ante este tipo de emerxencias.