InicioMEDIO AMBIENTE35 anos da histórica nevada que cubriu Bueu

35 anos da histórica nevada que cubriu Bueu

Publicado o

Este 2022 cúmprense 35 anos da última nevada rexistrada na vila. A mañá do mércores 14 de xaneiro de 1987 é difícil de esquecer para todos os que viviron como Bueu se cubría dunha inmensa capa branca de neve, chegando incluso ao nivel do mar e ofrecendo instantáneas históricas como a da neve sobre a praia da Banda do Río.

A alegría desa mañá foi para moitos nenos e tamén adultos que vían a neve por primeira vez. Foi unha xornada de saír a xogar e retratar para sempre a beleza da neve. Tamén foron moitos os que non acudiron aos colexios, moitos deles pechados polos problemas de comunicación.

Precisamente, a nevada non só proporcionou bonitas imaxes, senón tamén provocou problemas en estradas e vías de toda Galicia. Aínda que non hai constancia de grandes incidentes na vila, foi curioso, por exemplo, que no alto da Portela chegou a colocarse unha sinal que recomendaba o emprego de cadeas.

Moitas das fotografías deste día, xunto cos seus recordos, quedarán gardadas con agarimo en moitos álbums familiares de bueueses e bueuesas, algúns deles despois de ver a neve por primeira vez.

Causa da nevada

A neve afectou ese día a vilas e cidades galegas, como A Coruña, Pontevedra ou Vigo. A causa situouse no desprazamento do vórtice polar cara Europa. Os meteorólogos lembran que aquel inverno de 1987 “non estaba sendo chuvioso, pero moito menos frío”. A partir do 10 de xaneiro unha gran masa de aire frío instalouse sobre Centroeuropa.

En Meteovigo sinalan as poucas probabilidades que había de que a nevada sucedera. “Contrariamente ao habitual, a pelota de aire más xélida de ata-36 en altura e -10º a 850 hPa, acadou o noroeste peninsular despois de cruzar o mar Cantábrico, e canalizarse cara a Galicia e o norte de Portugal”. Sumouse o paso dunha borrasca atlántica, unha situación “dificilmente repetible”.

Tal e como recollen os rexistros, entre as 14:00 e 15:00 horas houbo unha intensa caída de folerpas nas localidades das Rías Baixas, entre as que se atopaba Bueu. Porén, a serie histórica de datos sobre a vila non está dispoñible en Meteogalicia, xa que a estación meteorolóxica de Cabo Udra foi instalada con posterioridade.

ÚLTIMAS

Meiro prepara o Encontro do Millo Corvo cunha programación “moi diversa”

Meiro acollerá do 14 ao 16 de abril a súa festa gastronómica por excelencia,...

O PP denuncia a “falta de limpeza” na contorna do CEIP A Torre-Cela

"Un alcalde que faí oídos xordos ás peticións da veciñanza e pon unha venda...

A transformación do antigo cemiterio cinco décadas despois

O antigo cemiterio de Bueu, na contorna da Igrexa de San Martiño e clausurado...

A obra de acceso ao peirao de pasaxeiros, co recheo de cemento na praia, “carece de permiso” de Costas

O Servicio Provincial de Costas de Pontevedra vén de confirmar a Anduxía que a...