Como xurdiu a idea de escribir este libro?
Ao principio non era un libro. Son pequenas cousas que eu ía aprendendo según ía lendo. Son matemático, profesor de Matemáticas e gústame moito ler divulgación matemática. Apetecíame expoñer coas miñas palabras algunhas cousas que ía lendo e investigando. Ese foi un labor que durou varios anos. Chegou un momento no que tiña tantas cousas escritas que me dixen a min mesmo que todo iso igual daba para un libro. Naceu da miña inquietude e non se converteu nun libro ata o final.
Por que elixiu o título Bocados matemáticos?
A parte de matemáticas está clara. “Bocados” é porque son textos moi curtos, dun par de páxinas cada un. Pretenden explicar unha aplicación ou curiosidade das matemáticas en moi poucas palabras, ningún se vai máis alá das mil. Non é unha comida enteira, é un bocado de matemáticas. Pequenos achados que se poden ler perfectamente e por separado. Non teñen demasiada relación, entón podes picar un bocado de aquí, un bocado de alá…
É unha obra sobre matemáticas pero co obxectivo de abrirse a todo tipo de públicos.
Efectivamente, as matemáticas para os profanos son un mundo complicado. O libro pretende achegar as matemáticas a toda esa xente que desde a escola non volveu ter cercanía coa materia. Uns serven para descubrir aplicacións prácticas das matemáticas e outros van na liña de facer pensar. Para xente que ao igual as matemáticas non é o que máis lle presta, pero que si lle gusta darlle a cabeza e reflexionar.
Dá bastante liberdade ao lector para saltar partes se non lle interesan. Por que decidiu facer isto?
Está en liña con dous aspectos. Un deles é o de bocados, se che apetece ler sobre un aspecto. Como pretendo chegar a un público máis ou menos amplo, non todos os apartados teñen a mesma dificultade. Algúns son máis doados de entender para xente con pouca bagaxe ou formación matemática. Outros teñen un chisco máis de complexidade. Entón, alguén que se achegue e non se acorde de matemáticas, quizais decida saltar algúns apartados porque se lle fan moi costa arriba e pódese centrar noutros máis interesantes. Tamén ao revés, alguén que xa ten lido sobre o tema pode saltalos e centrarse nos que descoñece e que lle poden aportar algo.
Fai referencia a diversas áreas nas que teñen que ver as matemáticas, con exemplos tan de diario como os números do DNI ou da nosa conta bancaria. É unha maneira de achegar esta ciencia ao gran público?
Efectivamente, intenta conectar con pequenas cousas. Hai referencias ao DNI, ao balón de fútbol, a pequenos problemas ou situacións. Hai unha moi curiosa que explica como se fai o cifrado para que as transferencias que facemos por Internet sexan seguras. Algo que facemos todo o mundo, sen reparar moitas veces en que os nosos datos teñen que ter unha seguridade por detrás na que confiar. Explico o método matemático subxacente nesa seguridade.
No libro tamén reivindica o emprego do galego para dar a coñcer termos matemáticos na nosa lingua.
Pois si, desde hai uns anos as Matemáticas na ESO, que ao final é a educación obrigatoria pola que pasa todo o mundo, obrigatoriamente se teñen que impartir en castelán. Iso tamén pasa na materia de Física e Química, co cal as áreas puramente científicas para gran parte da poboación só son en castelán. Hai vocabulario específico que temos en galego que non estamos dando a coñecer. Parece que para facer ciencias hai que facelas en castelán ou en inglés, eu penso que en galego tamén podemos, ao final é unha lingua máis das nosas.
“Hai vocabulario específico que temos en galego que non estamos dando a coñecer”
Considera que existen prexuízos á hora de tratar esta materia e a súa litertatura?
En lingua galega non dispoñiamos de case nada. En castelán, nos últimos anos, baixo o meu modo de ver, está habendo case un boom na divulgación científica. Cada vez hai máis títulos que chegan a máis xente, incluso se está apoiando en medios audiovisuais con divulgadores fantásticos que traballan en televisión ou redes sociais. En castelán temos a nosa disposición, en poucos anos, un abano de literatura divulgativa bastante potente. Vai un pouco a rebufo, en lingua inglesa isto leva sendo así durante moito máis tempo. A miña modesta aportación é que a ver se conseguimos que en lingua galega tamén poidamos ter esta divulgación científica para poder chegar a canta máis xente mellor.
É profesor no Johan Carballeira, en Bueu. Que fai para que os máis mozos consigan achegarse ás matemáticas dunha maneira máis amena?
Sempre trato de transmitirlles o meu amor polas matemáticas dende o punto de vista da súa beleza inherente. Intento que se achegen a elas sen medo, sen prexuízos. Simplemente intentado estudar, xa que obrigatoriamente o teñen que facer, e intentando extraer delas cada quen o que máis lle preste.