O CEIP Plurilingüe A Torre-Cela vén de gañar o primeiro premio Innovagal, na modalidade de centro educativo, pola súa traxectoria nos últimos seis anos. A resolución, que foi adoptada o 23 de decembro, fíxose pública onte no DOG. Desde o colexio recibiron a noticia cheos de emoción e acollen este galardón como un recoñecemento ao seu traballo diario, xustamente tras celebrar o cincuenta aniversario do centro no 2021.
Os premios Innovagal, impulsados pola Consellería de Educación, teñen como obxectivo premiar a centros e docentes cunha traxectoria de compromiso coa innovación educativa ao desenvolver enfoques didácticos que dean resposta ás necesidades do alumnado.
Precisamente, no 2018 o centro bueués levou a cabo un cambio de metodoloxía, aínda que xa antes empregaban diferentes ferramentas de aprendizaxe. “Fixemos formación de metodoloxías activas e en claustro decidimos cambiar a metodoloxía para facer iniciativas máis colaborativas. Queremos que os nenos experimenten, que aprendan facendo“, explica a directora do centro.
Unha radio escolar, a biblioteca creativa, unha horta, robótica… Estes son algúns dos moitos proxectos nos que participan os 121 alumnos e alumnas do colexio. Outra das novidades foi o programa de titorización entre iguais, no que os nenos e nenas se titorizan entre si en función da idade. Aínda que a pandemia fixo que esta iniciativa tivera que parar, desde o centro esperan retomala cando sexa posible. Nesta liña, os espazos do colexio tamén tomaron outra dimensión, con remodelacións na biblioteca ou instalacións como portas corredoiras que lles permitiran traballar conxuntamente.
O apoio das familias tamén foi fundamental para realizar o cambio de metodoloxía e a súa resposta foi moi positiva. Ademais das explicacións, nais e pais puideron visitar unha mañá o colexio no primeiro curso no que se cambiou a maneira de traballar.
Agora, o primeiro premio Innovagal, dotado con 10.000 euros, vén de galardoar o seu compromiso coa innovación educativa. Un recoñecemento que anima a toda a comunidade educativa do CEIP A Torre Cela a continuar neste camiño.